Ultiman o 'striptease' patrimonial dos concelleiros pontevedreses
Por Alejandro Espiño
Seguindo o exemplo dos deputados no Congreso, que onte desvelaron as súas declaracións patrimoniais para cumprir co establecido na Lei de Transparencia, os concelleiros da corporación municipal de Pontevedra tamén farán este 'striptease' financeiro.
Segundo se acordou na comisión de Réxime Interior, por unanimidade de todos os grupos municipais, terán que entregar as súas declaracións antes do próximo xoves 11 de febreiro ás 14.00 horas.
A web municipal publicará esa información, ao día seguinte ou tan pronto como sexa posible por parte dos servizos do Concello, para que poida ser consultada por toda a cidadanía.
Así o recolle de forma obrigatoria a modificación do regulamento orgánico do pleno, que será aprobada na sesión plenaria deste mes.
Estas declaracións de bens patrimoniais non incluirán, en todo caso, datos concretos que permitan a súa identificación ou localización.
Recollerá de forma separada o patrimonio inmobiliario dos concelleiros, diñeiro en metálico, participacións e valores en empresas, vehículos, embarcacións ou aeronaves, bens materiais que teñan un valor por encima dos 3.000 euros, seguros de vida ou plans de pensións ou dereitos de propiedade intelectual ou industrial.
Tamén deberán declarar todo o pasivo que teñan, entre eles débedas ou hipotecas, fixando ademais a súa data de vencemento.