Encargan un estudo para crear un espazo intermodal entre as estacións de tren e autobús
Por Redacción
A Xunta parece decidida a apostar pola unión as estacións de ferrocarril e autobús. Despois de anunciar o pasado mes de decembro que pretendían resucitar o proxecto para crear en Pontevedra un espazo intermodal, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a licitación do contrato de servizo para a elaboración do estudo de alternativas para a mellora das conexións entre ambos os dous ámbitos.
O presuposto base de licitación ascende a 23.132,73 euros e o prazo de execución do contrato é de 2 meses. Os licitadores terán ata o día 20 de febreiro para presentar as súas ofertas.
Na cidade de Pontevedra, a estación de ferrocarril e a estación de autobuses atópanse moi próximas, recorda a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, con itinerarios peonís e rodados que non superan os 200 metros.
Sen embargo, coa finalidade de promover a intermodalidade e facilitar a realización de transbordos entre os dous modos, ferrocarril e autobús, da maneira máis fácil, cómoda e rápida para o usuario, a Xunta entende que é necesaria a realización dunha serie de actuacións tanto de mellora da conexión peonil entre ambas estacións, como de delimitación clara dos espazos para peóns e dos espazos reservados ao tráfico rodado.
O obxecto do contrato que se licita é analizar diferentes alternativas de actuación para mellorar a intermodalidade entre o transporte de viaxeiros en ferrocarril e en autobús interurbano e metropolitano na cidade de Pontevedra. O ámbito de actuación será o conformado polo entorno e arredores da estación de ferrocarril e da estación de autobuses.
As diferentes alternativas de actuación propostas deberán dar resposta, entre outras, á mellora das conexións peonís en viaxes intermodais entre a estación de ferrocarril e a estación de autobuses ou á mellora para a integración da terminal de autobuses coa terminal ferroviaria.
Neste segundo ámbito búscase a reordenación do espazo actualmente dedicado a aparcadoiro de turismos na estación de autobuses, delimitando os espazos reservados para cada tipo de tráfico peonil e rodado e establecendo un espazo para taxis e paradas para deixar ou recoller viaxeiros no momento; e a remodelación da fachada da estación de autobuses para mellorar a súa identidade como centro de transporte.
Relacionadas:
-
"Non me gustan as toupeiras", di Lores ante o posible túnel para unir as estacións de tren e autobuses
Por Alejandro Espiño |
-
Inician as medicións para o deseño da estación intermodal
Por Redacción |
-
Un espazo intermodal "sobresaínte" para a Universidade da Coruña
Por Alejandro Espiño |
-
Sete empresas, interesadas en presentar alternativas para a estación intermodal de Pontevedra
Por Redacción |
-
Resucita o proxecto de estación intermodal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |