A UFAM, unha unidade para dar atención especializada e personalizada a vítimas de violencia de xénero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A investigación e a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero, dos menores, dos delitos de agresión sexual ou e de que quen resulta prexudicado en calquera infracción cometida no ámbito familiar aglutínanse desde principios do mes de xaneiro baixo un mesmo paraugas policial, a Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Comisaría Provincial de Pontevedra. Á fronte está a inspectora xefa Maite Pantín, especialmente preocupada pola existencia de violencia machista en idades cada vez máis temperás e polos casos de violencia intrafamiliar.
Maite Pantín, ata agora responsable da Unidade de Prevención e Asistencia e Protección (UPAP) da Comisaría, explicou este martes aos medios de comunicación o funcionamento da nova unidade, que leva desde mediados de 2015 poñéndose en marcha en toda España, pero en Pontevedra tan só está operativa na Comisaría Provincial cun persoal de oito funcionarios. Prevese que progresivamente vaia empezando a funcionar en todas e que tamén traballe no ámbito da prevención.
Unha das principais novidades desta unidade é que, por primeira vez, "con un único mando" xúntanse a investigación e a protección, pero non se trata só dunha reestruturación interna en canto ao funcionamento das unidades policiais, senón que ten un impacto directo nas vítimas, pois desde a súa posta en marcha un único funcionario encargarase de cada caso, dando unha atención integral, personalizada e especializada.
Todos os axentes que integran a unidade recibiron formación especializada na materia e, no caso da violencia de xénero, achegarán ás vítimas que estean ao seu cargo información sobre todos os pasos a dar desde que dan o paso de denunciar. Ao tratarse de axentes especializados e que dan unha atención personalizada en casa caso, mellórase a eficacia e a calidade do servizo, con todos os medios máis coordinados, e non como ata agora, cos casos divididos entre varias unidades policiais.
Segundo explicou Maite Pantín, unha persoa que chegue á Comisaría para denunciar un caso de violencia de xénero, agresión sexual ou violencia familiar, así como un menor que sexa vítima ou autor de calquera delito, pasará, como calquera outro ciuadadano, pola oficina de denuncias, pero, unha vez valorado o caso, xa se derivará á UFAM.
No mes que leva operativa a UFAM, o seu responsable notou un "ligero aumento del número de denuncias", tendencia que non significa que haxa máis casos, senón máis denuncias. Non existe un perfil tipo de vítimas ou agresores, pois os hai "de todos los ámbitos", pero si se dan cada vez máis casos de vítimas novas.
Nestes casos, "lo que vemos es que ellas a veces no detectan que es un caso de violencia de género", senón que viven situacións que non asimilan con comportamentos machistas ou nos que saen prexudicadas polo mero feito de ser muller.
Entre as preocupacións de Maite Pantín están esas vítimas novas, pero, en xeral, as situacións de violencia que se viven nos colexios, entre menores e "en relaciones de noviazgo", así como o que ocorre no seo familiar, pois "hasta ahora era muy difícil que un padre denunciara a un hijo".
Relacionadas:
-
25N | Os axentes protectores, velando pola seguridade das vítimas de violencia de xénero as 24 horas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Catro décadas de mulleres policías: a visión da inspectora xefa da UFAM pontevedresa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
RADIO.- "Non se fai ningún favor ao menor manténdoo ante situacións violentas"
Por Marisa Ciordia |
-
Concentración polos tres últimos crimes machistas
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
A comisaría de Pontevedra estrea unha unidade especializada de atención á familia e á muller
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |