O 17 de marzo celebrarase o xuízo sobre a titularidade dos terreos do Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez
O próximo 17 de marzo celebrarase o xuízo sobre a titularidade dos terreos que ocupa o hospital Montecelo. A Comunidade de Montes de Mourente reclama á Seguridade Social a propiedade dos 39.306 metros cadrados que ocupa o centro sanitario.
Este martes celebrouse no Xulgado número 4 de Pontevedra, a vista previa desta demanda civil presentada polos comuneiros.
Segundo informou o portavoz dos comuneiros, Xosé Carlos Morgade, tratouse dunha audiencia previa de carácter técnico na que as partes, representadas polos seus avogados, presentaron os medios de proba, como un informe pericial coa documentación histórica que proba os seus argumentos, así como o testemuño de varios veciños da parroquia que estiveron presentes hai 45 anos cando o Concello cedeu os terreos, en outubro de 1970, ao Instituto Nacional de Previsión.
Na defensa dos seus intereses a Tesourería Xeral da Seguridade Social reclamou que fose convocada a Xunta de Galicia, algo que os comuneiros interpretaron como unha "manobra de dilación" xa que o Servizo Galego de Saúde (Sergas), aclarou que a titularidade dos terreos non era súa, senón da Seguridade Social por cesión municipal.
Os comuneiros presentaron esta demanda no ano 2014 despois de que a Administración declinase recoñecer nun convenio a titularidade veciñal deses terreos a cambio dunha cesión gratuíta e indefinida sempre e cando Montecelo funcionase como un "hospital público".