A choiva inunda a comarca
Por Redacción
A intensa chuvia caída ao longo da mañá deste venres está a sementar de inundacións e incidencias a comarca de Pontevedra, con problemas na práctica totalidade dos municipios, entre eles anegamentos en rúas e estradas e algún corremento de terra e pedras. De feito, o 60 por cento do total das incidencias rexistradas polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 por mor da chuvia (45) producíronse na provincia de Pontevedra.
Un dos incidentes máis graves produciuse na Caeira, en Poio, onde un muro de contención situado detrás de varias vivendas unifamiliares situadas na rúa Illa de Tambo caeu e produciuse un desprendemento de pedras e terra que afectou ás casas, en especial a dúas delas no seu interior.
O derrubamento sorprendeu aos veciños, que chamaron ao 112 e solicitaron asistencia sanitaria para unha muller que estaba a sufrir unha crise nerviosa. Ademais dos técnicos de Urxencias Médicas, mobilizáronse os Bombeiros do Salnés, os membros do GES de Sanxenxo e Protección Civil e a Policía Local de Poio.
O PASEO DOS GAFOS, PECHADO
Noutros lugares da comarca as incidencias foron menos espectaculares, pero igualmente alarmantes. En Pontevedra, os veciños da zona dos Praceres viviron unha vez máis o anegamento da rúa do Santo, un camiño de titularidade municipal do que xa teñen denunciado con anterioridade o seu abandono. De feito, queixáronse dos problemas ocasionados a última hora da mañá, cando tiveron que usalo os escolares que volvían ás súas casas.
En Pontevedra a Policía Local tamén pechou todos os accesos ao río dos Gafos e o paseo peonil da zona do Gorgullón polos riscos e o desbordamento do cauce e a Garda Civil de Tráfico valoraba pechar a autovía de Marín.
Na zona da Lama, as intensas chuvias agravaron o estado de deterioramento da estrada de Fontecoba, onde logo de anteriores episodios meteorolóxicos adversos quedara unha focha de grandes dimensións. A auga acumulada dificultou a circulación e deixou situacións de risco denunciadas por veciños e condutores.
A auga tamén deixou imaxes espectaculares en Ponte Caldelas, onde volveu desbordar o río Verdugo.