Tabletas, fochancas, fútbol e Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE na Deputación presentou dúas mocións no pleno. Unha é sobre a dotación dos centros escolares de primaria de tabletas para a aplicación das novas tecnoloxías e, sobre todo, para a formación do profesorado no seu uso.
Esta moción suscitou o consenso de todos os grupos da corporación provincial.
A outra moción aprobada foi para demandarlle á Xunta de Galicia diversos arranxos en estradas da provincia de Pontevedra.
Entre outras estradas, o voceiro Santos Héctor citou a PO-300, ao seu paso polo concello de Cambados á altura de Oubiña; a PO-551, en Moaña; a PO-308, ao seu paso polos concellos de Sanxenxo e Poio; e a PO-548 ao seu paso por Vilagarcía.
Unha relación que o voceiro do BNG, César Mosquera, calificou coma "incompleta" ao tempo que chamou a atención dos seus socios no goberno provincial para que "atempere" as súas mocións, xa que todos os grupos teñen representación no Parlamento galego e aí, entende, debe ser o espazo axeitado para debatir e defender estas cuestións.
Por último, a voceira do Partido Popular Nidia Arévalo logo de anunciar que o seu grupo se ía abster na votación, recriminou á Deputación que o estado das estradas provinciais é "lamentable".
COPA DE FUTBOL
Os populares tentaron sen éxito que saise adiante a súa iniciativa para poñer en marcha a Copa Deputación de fútbol, porque, "chega tarde" lembrou a deputada socialista Chelo Besada, "xa que a Copa está en marcha" e recriminoulles aos populares que "o único que pretendían era firmar un convenio co señor Louzán como presidente da Federación Galega de Futbol" un cargo que, segundo dixo, "ten grazas á Deputación".
RÍAS BAIXAS
Os deputados populares tamén denunciaron que o bipartito "se está esquecendo do turismo" e demandaron o impulso á marca turística Rías Baixas. Entenden que "hai que seguir apostando por este sector", porque é un dos principais motores de desenvolvemento económico, polo que o deputado José Manuel Figueroa puxo en valor "o gran esforzo do anterior goberno para defender e potenciar o turismo da provincia".
O voceiro dos socialistas na Deputación de Pontevedra, Santos Héctor, cualificou de "vergonzosa" a xestión feita polo Partido Popular en materia de turismo na Deputación.
O deputado socialista defendeu o programa de goberno que a "nova deputación" está a impulsar e recordou que a chegada no novo goberno en materia de turismo "só había un cúmulo de actividades sen retorno para á provincia e que na súa maioría estaban orientados a apoiar os seus amigos, sen ningún criterio obxectivo, sen programación e sen unha dirección clara".
Relacionadas:
-
O goberno provincial modifica o orzamento para "incrementar os recursos para servicios básicos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP defende a súa xestión turística e o PSOE a cualifica de "vergonzosa"
Por José Alberto Graña Pérez |
-
O PSdG provincial pedirá á Xunta tablets para os escolares de Primaria
Por Redacción |
-
O PP solicita un plan de actuacións para o Parque de Maquinaria
Por Redacción |