Sete empresas, interesadas en presentar alternativas para a estación intermodal de Pontevedra
Por Redacción
Un total de sete empresas presentaron a súa oferta para a elaboración do estudo de alternativas solicitado pola Xunta de Galicia para mellorar o ámbito das estacións de ferrocarril e autobuses da cidade de Pontevedra.
Baixo o criterio de converter as dúas infraestruturas nun espazo intermodal, facilitando unha mellor conexión entre o transporte de viaxeiros en ferrocarril e en autobús interurbano e metropolitano, a Xunta licitou este contrato que ten un orzamento base de 23.132,73 euros e un prazo de execución de dous meses.
Nos próximos días, o goberno galego seleccionará a empresa que presentara a mellor oferta.
O obxecto do contrato que se licita é analizar diferentes alternativas de actuación para mellorar a intermodalidade entre o transporte de viaxeiros en ferrocarril e en autobús interurbano e metropolitano na cidade de Pontevedra. O ámbito de actuación será o conformado polo entorno e arredores da estación de ferrocarril e da estación de autobuses.
As diferentes alternativas de actuación propostas deberán dar resposta, entre outras, á mellora das conexións peonís en viaxes intermodais entre a estación de ferrocarril e a estación de autobuses ou á mellora para a integración da terminal de autobuses coa terminal ferroviaria.
Neste segundo ámbito búscase a reordenación do espazo actualmente dedicado a aparcadoiro de turismos na estación de autobuses, delimitando os espazos reservados para cada tipo de tráfico peonil e rodado e establecendo un espazo para taxis e paradas para deixar ou recoller viaxeiros no momento; e a remodelación da fachada da estación de autobuses para mellorar a súa identidade como centro de transporte.
Relacionadas:
-
"Non me gustan as toupeiras", di Lores ante o posible túnel para unir as estacións de tren e autobuses
Por Alejandro Espiño |
-
Inician as medicións para o deseño da estación intermodal
Por Redacción |
-
Un espazo intermodal "sobresaínte" para a Universidade da Coruña
Por Alejandro Espiño |
-
Encargan un estudo para crear un espazo intermodal entre as estacións de tren e autobús
Por Redacción |
-
Resucita o proxecto de estación intermodal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |