O ministro Catalá coñece os 178 anos de historia do Colexio de Avogados
Por Redacción
Unha institución con 178 anos de historia -fundada en 1838- que abarca 11 dos 13 partidos xudiciais de Pontevedra e atende a día de hoxe a 640.000 xusticiables, isto é, dous terzos dos habitantes da provincia e un cuarto de toda a comunidade galega. Así é o Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra, que este luns recibiu a visita do ministro de Xustiza, Rafael Catalá.
De visita oficial en Pontevedra con motivo dunha reunión na Audiencia Provincial con todos os operadores xudiciais para repasar o estado das últimas reformas lexislativas e a implantación do sistema Lexnet, o ministro trasladouse ata a sede do Colexio para reunirse cos membros da Xunta de Goberno; o decano actual, Ramón Jaúdenes; e os seus tres predecesores, Eloy Artime, Javier Munáiz e Modesto Barcia.
Segundo informou o Colexio a través dun comunicado, o encontro celebrouse na sede do órgano colexial nun ambiente de cordialidade no que o ministro chegou a trasladar aos presentes que se atopaba como na casa, como avogado colexiado non ejerciente que é.
Rafael Catalá asinou no Libro de Honra do Colexio e interesouse por detalles do día a día e a historia da institución. O decano e actual secretario xeral do Consello da Avogacía Española, Ramón Jáudenes, aproveitou para trasladarlle o orgullo que senten os integrantes do mesmo de pertencer a un órgano do que foron decanos personalidades como Manuel Portela Valladares, ministro durante o reinado de Alfonso XIII e presidente do Goberno durante a Segunda República Española.
Jáudenes, decano número 33 da historia do Colexio, compartiu, entre outros detalles, que teñen nas súas vitrinas tres premios ao labor social dos colexiados e da institución dos que senten moi orgullosos porque están concedidos polos veciños e, de feito, foron os propios cidadáns os que decidiron recoñecer o traballo como membros activos da sociedade de xeracións de profesionais en defensa das garantías e liberdades individuais.
No ano 2009 o Colexio recibiu a Medalla ao Mérito Social Penal polo traballo da Comisión Penal Julio Barcia no centro penal da Lama e o ano pasado, 2015, foron dous as distincións recibidas, ambos sen tinguidura política, o 'Premio do ano 2015' da asociación 'Amigos de Pontevedra', co que se distingue a "persoas e entidades que dalgunha forma, por prestixio ou traballo, contribuíron ao engrandecimiento da nosa cidade", e o 'Premio do ano 2015' da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, que recoñece o compromiso cos dereitos humanos das Oficinas de Intermediación Hipotecaria que ten o Colexio para axudar ás vítimas da crise económica na traxedia dos desafiuzamentos.
Relacionadas:
-
A mediación alcanza unha porcentaxe de acordos do 95% nos xulgados de familia
Por Redacción |
-
O Colexio de Avogados dá a benvida a 22 novos letrados
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez reitera o chamamento aos concellos para "loitar de forma real e efectiva" contra os desafiuzamentos
Por Redacción |
-
Rafael Catalá 'pasa revista' á Xustiza pontevedresa
Por Alejandro Espiño |
-
O decano pontevedrés, novo secretario do Consejo General de la Abogacía Española
Por Redacción |
-
Os avogados fórmanse para mellorar a atención xudicial ás persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Amigos de Pontevedra entrega os seus premios aos máis destacados da cidade
Por Diego Torrado |
-
Medio millar de avogados pontevedreses prestan servizos na quenda de oficio
Por Redacción |