Os veciños de Ponte Caldelas xa contan cunha oficina de Atención ó Cidadán
O Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha unha nova Unidade de Atención Cidadá que estará encargada de axudar a calquera veciño ou veciña que se achegue ás oficinas municipais para realizar calquera trámite ou solicitar todo tipo de información.
O equipo de goberno habilitou unha sala na planta baixa da Casa Consistorial que foi preparada de tal forma que permite garantir o dereito á intimidade e confidencialidade de calquera veciño que se achegue ata a administración local para tramitar ou solicitar calquera información ou servizo.
"Queremos transformar este concello nun auténtico aliado do cidadán, queremos dar solución ás persoas, queremos facer un concello máis humano e convertelo nunha auténtica ferramenta para dar resposta ás necesidades dos nosos vecinos", sinalaba o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Esta unidade foi presentada no último pleno onde se deron conta da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), onde se aproba a reordenación de toda unha serie de departamentos municipais e de adscrición de persoal para garantir unha maior eficiencia e eficacia na presentación de servizos públicos ao cidadán.
A intención do equipo de goberno é gañar en transparencia e proximidade da administración local aos veciños do municipio. "Queremos implantar unha nova filosofía e un novo concepto onde o cidadán sexa o centro de todo e perciba que a administración local está ao servizo dos veciños. Acabouse aquel concepto do pasado de vir ao Concello en busca dun favor, aquí os cidadáns teñen os seus dereitos e terán unha unidade para solucionar aqueles problemas ou demandas que precisen", aclaraba Andrés Díaz.