Bueu homenaxeará ás costureiras do municipio con motivo do 8 de marzo
Por Redacción
As mulleres costureiras de Bueu serán as homenaxeadas este ano na Gala da Igualdade que o Centro de Información á Muller do municipio organiza para conmemorar o Día da Muller. Terá lugar o domingo 13 de marzo ás seis da tarde.
En total, serán once mulleres as que aparezan nunha reportaxe audiovisual que se comezou a gravar estes días pasados no Museo Massó sobre a vida das veciñas das parroquias da vila que pasaron a súa vida traballando de casa en casa coa máquina de coser enriba da cabeza.
De Beluso homenaxearase a Teresa González Soliño, Josefa Menduíña Pérez, María de los Ángeles Fariña Pérez, María del Carmen Gómez López, Ifigenia Molares Villanueva, Angelina Otero Estévez e Josefa Molares Estévez; de Bueu, Marina Estévez Juncal e Benita Santos Villanueva; e de Cela, Asunción Santomé Parada e Consuelo Graña Moldes.
Así se decidiu na Comisión de Igualdade celebrada este martes na que tamén se aprobou o programa de actividades para o martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Os actos comezarán ás 12.00 horas no Centro Social do Mar. O alumnado do IES Illa de Ons será o encargado de realizar a Declaración Conmemorativa do Día da Muller, e a continuación farase entrega dos premios do X Concurso de Viñeta e Ilustración "A igualdade no traballo".
Por outra banda, o concurso de fotografía "As mulleres na historia de Bueu" ten aberto o prazo ata o 15 de abril, polo que os alumnos dos centros educativos de primaria poderán traer imaxes anteriores a 1980 nas que se vexa a mulleres traballando.
A idea é realizar unha exposición en maio na sala Domínguez Búa para dar a coñecer o traballo das mulleres na vila.