Razóns dabondo para visitar as Rías Baixas
Por Redacción
O parque do río Barosa, en Barro; a carballeira e o xardín botánico de Caldas; os gravados rupestres de Campo Lameiro; o río Almofrei, en Cotobade; o termalismo, en Cuntis; o río Xesta, na Lama; as danzas das espadas, de Marín; o carneiro ó espeto, en Moraña; Combarro, en Poio; a festa da troita, de Ponte Caldelas; as salinas do Ulló, en Vilaboa; a Feira Franca e o modelo de cidade, en Pontevedra foron os recursos turísticos escollidos por cada concello para promocionarse no Espazo Atlántico de Pepe Solla, en Madrid, no marco da campaña "62 razóns para visitar Rías Baixas" impulsada pola Deputación de Pontevedra.
Esta campaña recolle os recursos que os propios concellos aportaron á institución provincial para formar parte da actuación promocional.
O acto concluíu cunha cea ofrecida polo chef Pepe Solla, que contou coa colaboración, do alumnado dos centros de formación en hostalaría da provincia pontevedresa, los CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio. A sobremesa, realizada polos propios alumnos de ambos centros, contaba co aceite de camelia, como ingrediente especial.
Pepe Solla subliñou que as Rías Baixas teñen "unha gastronomía marcada e diferenciada", que ten "carácter e carisma" e que supón unha das razóns polas que o turista visita Galicia.
Ao evento acudiron representantes das dez comarcas que conforman a provincia de Pontevedra e o gañador do Goya ao mellor son pola película "El desconocido", David Machado.
A campaña "62 razóns para visitar ás Rías Baixas" forma parte dos novos eixos de promoción turística da Deputación, cos cales buscan a posta en valor de aspectos pouco coñecidos, así como o lanzamento de propostas temáticas orixinais que contribúan a desestacionalizar o turismo e a xerar unha nova mirada a este destino.