A final de mes inaugurarase a Praza do Hospital
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Encantado e ilusionado", ante o final das obras da Praza do Hospital, dixo estar o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen este luns, acompañado de técnicos municipais e responsables da empresa que executa a reforma, visitou os traballos na rúa Loureiro Crespo.
Unha reforma de "alta calidade urbana" que darán forma a unha nova praza pública diante dun edificio importante como é o Hospital Provincial, peonalizando todo este espazo.
O investimento supera os 330.000 euros e agora afronta a súa recta final, coa colocación do mobiliario urbano. Nos próximos días darase continuidade á obra ampliándo o tallo cara a rúa Antón Fraguas.
Algúns veciños aproveitaron a presenza dos responsables municipais para trasladar as súas opinións sobre algúns aspectos da reforma, como son as árbores. Trátase duns exemplares de liquidámbar de gran porte, unha árbore decorativa espectacular, sobre todo no outono, cando as súas follas cambian de cor.
Algúns dos residentes nos primeiros pisos desta rúa temen que lles impida ver a rúa e mentres que outros están máis preocupados porque a colocación dalgúns dos alcorques dificulte o paso dos vehículos, especialmente, os de emerxencias.
CONVENIO SERGAS
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, falará co Xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Manuel González, para pechar un convenio que contemple a supresión do muro da fachada principal do Hospital.
O que permitirá mellorar o acceso ao centro sanitario dotándoa dun espazo para o xiro das ambulancias e recolocando as casetas do Centro de Transfusión, ademais de acondicionar a zona axardinada e visibilizar a escultura de Asorey.
A finais deste mes inaugurarase esta Praza, de momento co nome de Praza do Hospital, pero podería haber cambios, segundo indicou o concelleiro de Cultura, Luís Bará.
Relacionadas:
-
A estatua de Asorey volve presidir o acceso ao Hospital Provincial
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Música e xogos infantís na estrea da "Praza do Hospital"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os nenos, protagonistas na inauguración da praza do hospital
Por Elena Álvarez Quintá |
-
As obras da nova praza do Hospital conclúen este luns co asfaltado dos seus extremos
Por Redacción |
-
Proxectan prolongar a praza peonil do Hospital Provincial ata o cruzamento de Antón Fraguas
Por Diego Espiño |
-
A peonalización de Castelao e Cruz Gallástegui, prioridade para 2016
Por Alejandro Espiño |