Unha exposición sobre as conquistas feministas abre a programación do 8 de marzo
Por Redacción & Mónica Patxot
O sufraxio das mulleres, o acceso á súa escolaridade, os seus dereitos laborais, o aborto… Son aspectos que as mozas de hoxe en día dan por garantidos, pero ata hai relativamente pouco tempo eran cuestións que se lles negaba ao seu xénero. Son todas elas conquistas que as mulleres acadaron no pasado recente que se poñen en valor estes días nunha exposición diante da Audiencia Provincial.
A mostra Conquistas do feminismo, organizada polo Concello de Pontevedra con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, xunta moitas destas loitas feministas, un traballo de reivindicación de igualdade que aínda hoxe continúa en moitos ámbitos da vida.
Trátase dunha exposición feita coa participación de centros educativos e colectivos sociais de todo o municipio e estará instalada na rúa Rosalía de Castro ata o próximo 31 de marzo.
Esta mostra é unha das actividades da campaña Crea 8 de marzo, organizada pola Concellaría de Igualdade.
O Día Internacional da Muller en Pontevedra ofrecerá a seguinte programación, toda ela de balde:
- Praza 8 de marzo. 12.00 horas. Concentración convocada pola CIG na confluencia das rúas Peregrina, García Camba e Daniel de la Sota, coñecida popularmente como 8 de marzo.
- Teatro Principal. 19.30 horas. Proxección da curtametraxe Vés ou non ves? e posterior coloquio cos protagonistas. O alumnado do proxecto Obxectivo Igualdade do IES Luis Seoane presenta unha película que nos fala dunha relación entre dous adolescentes do centro que comeza con ilusión e felicidade, cambiando co tempo a unha relación baseada no control. O círculo máis próximo involúcrase nela e desactiva un conflito que afectaba a todos.
- Salón de actos do Centro Sur. (20.00 horas). Proxección de Loitadoras . Homenaxe a varias veciñas que, coa narración das súas experiencias persoais, contribuíron á elaboración deste pequeno documental. Ao remate, haberá un coloquio no que participarán as protagonistas. O obxectivo do acto é eloxiar o papel das mulleres do século pasado que contribuíron co seu duro e menosprezado traballo a mellorar as minguadas economías familiares do momento.
- Teatro Principal. (20.15 horas). Proxección da película Unha muller en África a cargo do Cine Club. Nun conflitivo país do corazón de África viviu María (Isabelle Huppert), unha facendeira en cuxa terra se cultiva principalmente café. Ela é unha muller de carácter forte e orgulloso destinada a exercer un control axustado nas súas propiedades. Así, cando se está a piques de explotar no país nunha guerra civil, non dubida en defender a súa colleita con uñas e dentes.
- Centro Sur. Dende o 8 de marzo. Exposición A muller no século XX, da Asociación de veciños Salcedo Norte. A través de 12 carteis, fará un percorrido por algúns dos vellos oficios, a maior parte deles esquecidos na actualidade, desenvolvidos pola muller galega na primeira metade do século XX.
Ademais, o venres 10 de marzo está previsto no Pazo de Mugartegui, ás 20.00 horas, a conferencia de Jadiyetu El Mohtar Sidahmed sobre A importancia das mulleres na política. O exemplo da loita por unha Sahara libre. El é responsable de relacións internacionais da Unión de Mulleres Saharauís.
Relacionadas:
-
As mestras, homenaxeadas en Marín no Día da Muller
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Muller, traballadora e nai en 1973 vs 2016: "Aínda está moi mal visto que a muller sexa igual que o home"
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
'Cinema e muller' pon en valor o traballo das directoras pontevedresas
-
O 54% das mulleres de Pontevedra encóntranse desempregadas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |