O campus de Pontevedra aforra diñeiro ao reducir as emisións de CO2
Por Redacción
O campus de Pontevedra reducirá a súa factura enerxética e as emisións de CO2 grazas á chegada do gas natural. A vicerrectoría aposta por este combustible para as calefaccións dos centros, en lugar do gasóleo. O ano pasado a empresa subministradora realizou as obras pertinentes para poder levar o gas á Xunqueira e ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte.
"Trátase dun paso adiante dentro da filosofía do Green Campus", sinalou Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus pontevedrés, que xunto co director da área de Planificación, Celso Cancela, e o responsable da Unidade Técnica da Universidade no campus, José Antonio López, acompañaron aos inspectores que se responsabilizaron de revisar a instalación e abrir o paso ao gas en Ciencias Sociais e da Comunicación, e posteriormente en Ciencias da Educación e do Deporte.
"Trátase duns equipos máis limpos e que teñen menos avarías" explicou López, "tamén implican unha maior comodidade á hora da subministración". Pola súa banda Corbacho apuntou que "o obxectivo é ir dotando aos demais centros, na medida do posible, deste tipo de combustibles máis respectuosos co medio ambiente".
Nun futuro preténdese estender esta medida á Facultade de Belas Artes, "para o que será necesario unha licenza específica" explicou Cancela, xa que está catalogado como edificio de Ben de Interese Cultural (BIC).
Tamén, no marco das actuacións do Green Campus, iniciáronse traballos para a plantación dunha serie de árbores nos espazos verdes que rodean á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.