As mestras, homenaxeadas en Marín no Día da Muller
Este ano o Consello Municipal da Muller decidiu por unanimidade dedicar o Día Internacional da Muller ao labor que desenvolveron as mestras como transmisoras do noso legado cultural, a pesar da dificultade que supoñía ser unha muller nunha sociedade marcadamente masculina.
Na praza 8 de marzo, a alcaldesa de Marín, xunto coa concelleira de Benestar Social, e representantes de todos os partidos políticos, E.N.M, Autoridade Portuaria, Capitanía Marítima, Policía Nacional e Policía Local, participaron no acto de homenaxe ás mestras que estiveron representadas por Carmela Castro Mariño, Marián Fariña, María Jesús Ariz, profesoras xubiladas; María del Mar Ávila, profesora en activo e Marta Piñeiro Otero, estudiosa do papel cultural da poboación evanxélica en Marín.
"No século XVIII, apenas o 1% da poboación feminina sabía ler ou escribir. A educación era un privilexio vetado á muller. Os nenos ricos tiñan un titor e as nenas unha institutriz que as ensinaba para o seu futuro papel de esposas e nais. As mestras foron mulleres innovadoras, moitas foron viaxeiras incansables, pasaron por distintas escolas ata chegar a Marín. Outras moitas, fóronse deste municipio para ensinar noutros lugares", segundo explica o Concello de Marín.
Pola tarde, no museo Manuel Torres, tivo lugar a visita guiada a cargo da artista marinense Celeste Garrido e unha charla-coloquio "Educar na viaxe pola vida: As nosas mestras", impartida por María José Méndez Lois.
María José Méndez Lois é doutora no departamento de métodos de investigación e diagnóstico en educación da Universidade de Santiago de Compostela. As liñas de investigación nas que traballa céntranse na igualdade de oportunidades en educación, na formación e a orientación académico profesional.
Relacionadas:
-
Por que a CIG centrou os actos do 8 de marzo nas tendas de Zara, Massimo Dutti ou Bershka?
Por Redacción |
-
Ciudadanos promove o 8M en Pontevedra un "Eu concilio"
Por Marisa Ciordia |
-
Unha exposición sobre as conquistas feministas abre a programación do 8 de marzo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
María Helena Correia: "O intercambio entre mulleres de Galicia e Mozambique será moi valioso para ambas partes"
Por Alejandro Espiño |
-
Cine e fotografía para conmemorar o Día Internacional da Muller en Vilagarcía
Por Redacción |