Homenaxe a 30 anos de historia policial na Comisaría pontevedresa
Por Diego Torrado & Natalia Puga
O salón agardaba cheo a rebordar o homenaxeado. Compañeiros de fatigas, actuais e de hai anos, de Juan Carlos García Castillo esperaban para darlle a esperada homenaxe. Dende que coñeceron que deixaba o posto e pasaba a segunda actividade empezaron a xerar unha comida multitudinaria e emotiva. Conseguiron ambos os dous logros. 137 persoas enchían a sala habilitada no hotel Galicia Palace, as bágoas correron pola cara do protagonista en varias ocasións e o recordo das súas andanzas e historias encheu a sala de sentimentos, sorrisos e bágoas dos vellos e bos tempos.
O xefe superior de Policía de Galicia, Jaime Iglesias, foi un dos encargados de poñer os ollos acuosos ao homenaxeado. Juan Carlos García Castillo deixa a Comisaría Provincial de Pontevedra despois de 42 anos no Corpo Nacional de Policía, dos cales os 30 últimos os pasou destinado na cidade do Lérez, onde na actualidade é inspector xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial. Destas tres décadas moitas pasounas compartindo fatigas co seu superior e este recordou varias delas.
Os seus compañeiros non se quedaron atrás. Entre todos fixeron un auténtico traballo de ratas de biblioteca ou, máis ben, de hemeroteca e estudo fotográfico. Recompilaron nun album fotos e recortes de xornal daqueles anos nos que o inspector Castillo participou na primeira incautación de drogas que se realizou en Pontevedra ou das súas investigacións dun soado asasinato en Lérez. Leva destinado na cidade dende 1982 e houbo moito periódico e expediente que repasar.
O cariño das palabras de Jaime Iglesias, as historias contadas en cada unha das mesas, o reloxo e a pluma cos que o agasallaron os seus compañeiros. Foron ingredientes abondo para provocar que a comida de despedida se alongase ata ben pasada a media tarde e que todos deixasen na Galicia Palace coa sensación de ter acudido a unha homenaxe na que "todo el mundo se emocionó".