Os avogados pontevedreses porán en marcha unha quenda de oficio especializada en violencia de xénero
Por Natalia Puga
A partir do próximo mes de abril o Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra poñerá en marcha unha medida que axudará a moitas vítimas de violencia de xénero que na actualidade non dan o paso para denunciar as súas situacións persoais por falta de medios ou de confianza na especialización dos letrados que poidan asistilas se o seu caso chega ante o xuíz. Haberá un servizo da quenda de oficio específico para a violencia sobre a muller.
Un representante do Colexio de Avogados anunciou a medida este xoves durante a celebración da Mesa de Coordinación para a Loita contra a Violencia de Xénero que se celebrou no Concello de Pontevedra. O anuncio responde a unha demanda realizada xa dende hai anos dende este órgano e segundo indicaron fontes municipais "supón un importante avance na defensa das mulleres vítimas da violencia de xénero".
A Mesa de Coordinación contou coa asistencia da concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces e representantes do Colexio de Avogados, a Subdelegación do Goberno, representantes do Punto de Encontro Familiar, as policías Local e Nacional ou o Sevizo Galego de Saúde.
Serviu para facer balance das actividades realizadas durante os últimos meses e tambié para realizar outros anuncios importantes como que a programación de atención familiar de menores do municipio revisará os criterios establecidos para a entrada de menores no programa para "priorizar os fillos das vítimas de violencia de xénero".
De cara a próximas reunións, Carmen Fouces poñerase en contacto coa Fiscalía da Audiencia Provincial e o xulgado que leva casos de Violencia de Xénero para contar coa súa asistencia e colaboración, así como con profesionais de Atención Primaria.
Relacionadas:
-
Xuíz de violencia de xénero: "En Pontevedra non podo dicir que houbese un descenso de denuncias xustificado coa crise"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os avogados da quenda de oficio anuncian unha folga "a regulamento" con carácter indefinido
Por Oskar Viéitez |
-
Trinta avogados da cidade axudarán de balde a evitar máis desafiuzamentos
Por Natalia Puga |