Protección Civil de Caldas celebrará os seus 20 anos cun congreso
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey e o Xefe de Protección Civil, José Sieiro, presentaron este venres os actos cos que se celebrarán os 20 anos desta agrupación, entre eles un congreso, previsto para os días 6,7 e 8 de maio.
O congreso que pretende ser de carácter "novo e multidisciplinar" espera congregar a máis de 200 persoas vinculadas ao mundo das emerxencias en Caldas de Reis.
O alcalde caldense cualificou como de "vital importancia e valor na sociedade actual" o traballo que desenvolven os voluntarios de Protección Civil.
Juan Manuel Rey explicou que este 2016 é un ano "moi especial" ao cumprirse o vixésimo aniversario da agrupación, agradecendo a directiva e voluntarios o traballo e avances realizados nos últimos tempos animándoos a seguir e brindando o apoio da institución municipal.
No 2015 realizaron 780 servizos. Destes 122 foron accidentes de tráfico, 107 intervencións por animais, 33 incendios, 36 incidencias á circulación, 381 operativos de protección civil, 9 operativos de apoio sanitario ao 061 de Galicia (Apoio ás actuacións do Helicóptero do 061 de Galicia) así pois foron 369 servizos no primeiro semestre do 2015 e 411 servizos no segundo semestre.
O xefe de agrupación falou dunha actividade "consolidada" grazas ao apoio e implicación dos voluntarios do equipo caldense que suma un persoal de 30 e mantén 15 en condicións de operatividade. Sieiro destacou que varios mozos do municipio consultaron a forma de acceder á Protección Civil polo que prevé novas incorporacións no primeiro semestre. Tamén lembrou que na web do concello atópase o boletín de solicitude en formato editable ao acceso de calquera cidadán.
PROXECTO EUROPEO
Desde marzo de 2015 a Agrupación participa no proxecto europeo de resiliencia en protección civil en colaboración coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior cuxa colaboración continuará no 2016 con "novidades importantes" que José Sieiro non quixo desvelar polo momento.
Os proxectos nos que esta agrupación iniciou a súa andaina como #HeliCaldas #AlertCaldas e #CaldasResiliente contan desde xa con páxinas oficiais na rede social Facebook para ir difundindo o seu traballo.
O xefe de Agrupación destacou tamén que no 2016 prevén a incorporación de terminais da Rede de Comunicacións de emerxencia da Xunta na que se atopan desde xaneiro xa incluídos, tamén esperan ter xa en activo a conexión ao sistema Remoto en conexión co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia que axilizase as comunicacións.
José Sieiro quixo agradecer a implicación e colaboración do concello que preside Juan Manuel Rey agradecendo as xestións e o apoio co que supuxo recibir un novo vehículo todoterreo "moi necesario" e unha embarcación como "gran avance" e mellora na dotación de recursos.
ALERTRY
Conxuntamente, concello e protección civil oficializaban este venres ser pioneiros en Galicia en implantar a APP para sistemas móbiles Alertry, unha aplicación que permitirá lanzar avisos masivos á poboación ante situacións de emerxencia ou avisos importantes preventivos.