Cervexa sen glute e 'happy hour' na sexta edición do Festival San Patricio
Por Diego Espiño
A Praza de España volverá ser o escenario principal, desde este mércores 16 de marzo, do Festival San Patricio organizado polo Mareantes Rugby, na súa sexta edición.
A partir das 13:00 horas do mércores e ata as 22:00 horas do domingo 20 cervexa, gastronomía, música en directo e deporte uniranse nun evento que busca recadar fondos para os equipos de base do club pontevedrés.
A carpa permanecerá aberta de maneira ininterrompida de 12:00 a 0:00 horas, onde se servirán ademais de varias opcións de comida, máis de 4.000 litros de cervexa, segundo as estimacións da organización.
Os prezos mantéñense con respecto ao pasado ano, con pintas de Fosters a 3,5 euros e de Guiness e Murphys a 4 euros.
Como novidade, nesta ocasión haberá cerverza sen glute, unha hamburguesa vegana e tamén 'happy hour', o xoves e venres de 19:00 a 20:00 horas, nas que se servirán o litro de cervexa a 6 e 5 euros respectivamente. Tamén volverñá a colaborar o chef Pepe Solla, elaborando o venres unha tapa que se servirá durante toda a fin de semana.
Da música en directo encargaranse, ás 20:30 horas, grupos locais, mentres os habituais 'Coverstone' actuarán cada día ás 22:00 horas, salvo o domingo que o farán ás 20:30 horas.
A parte deportiva do evento, ao coincidir este ano coa última xornada de liga na Primeira Territorial Masculina, non contará con torneo internacional, pero si con cita obrigada aínda que fose do calendario oficial do San Patricio, xa que o campo de Monte Porreiro acollerá o sábado o derbi local entre o propio Mareantes e o Pontevedra Rugby Club.