Un plan "repensado" para diminuír os efectos do peche de negocios
Máis dunha vintena de empresas xa se interesaron no Plan Repensa, cuxo obxectivo é facilitar o traspaso dos locais da zona de Pontevedra, tendo ao Concello como intermediario entre as empresas que desexen pechar e aquelas que queiran comprar eses locais.
Deste xeito, a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, xunto co presidente da Asociación de Autónomos de Galicia, Jose Ramón Caldas, foron os encargados de presentar este martes 15 de marzo, o Plan Repensa integrado dentro da iniciativa de formación e inserción laboral ILES.
O obxectivo deste plan é traballar con todos os negocios que se atopen próximos ao peche "ben por unha xubilación, ben por mor dun traspaso ou ben porque a xente quere emprender novas ideas", aclarou Anabel Gulías, buscando a maneira de paliar os efectos dos locais que se atopan en risco de peche na cidade.
O que se tenta é buscar unha continuidade dos locais abocados ao peche, na maioría de casos por xubilacións, coa fórmula do traspaso, querendo aproveitar así o público adquirido durante anos. O ámbito rural é outro dos puntos que busca reforzar este plan, querendo mellorar a función comercial neste sector.
Por outra banda José Ramón Caldas quixo incidir no traballo de axilizar o proceso de axuda aos comercios, asegurando que "o esforzo non vai quedar aí, imos seguir loitando".
O plan Repensa organízase ao longo dunha serie de encontros destinados a dar a coñecer todos os problemas que se poidan ter ao comezar cun negocio, e a través dunha guía que facilite os trámites que permitan entender os obxectivos da iniciativa.
O primeiro deles terá lugar o día 17 de marzo ás 10:00 horas, cunha charla dirixida especialmente aos alumnos de formación profesional ou universitarios en busca de oportunidades de negocio axudándolles ao "ofrecerlle en primeira man, datos de como está a situación en Pontevedra" en relación a locais en concreto, aclarou Gulías. Doutra banda tamén se lles axudará na tramitación tanto de axudas como de todo o que implica facerse cun negocio.
O 5 de abril, na Casa da Luz ás 18:00 horas, tamén se realizará unha charla para potenciar a idea dos emprendedores da zona, mentres que o día 7 de abril terá lugar outra conferencia dedicada aos negocios transmitentes. Por último, o día 14 de abril desenvolverase unha posta en común entre eses negocios transmitentes e os emprendedores, buscando os máximos acordos posibles.