Cambian o galego polo castelán nos actos da Semana Santa de Meis
A Semana Santa de Paradela, a romaría da Virxe das Cabezas de Armenteira e a de San Gregorio do Bolo son as tres grandes celebracións con repercusión autonómica na comarca do Salnés.
A Pascua de Paradela está declarada festa de Interese Turístico Autonómico desde o ano 2010 e a súa tradición vén desde o século XVIII. A repercusión que ten esta festa levou a cambiar os diálogos ao castelán, dada a dificultade de comprensión polos asistentes que veñen doutras provincias.
Cada ano represéntase a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo, onde se transmite ao público a devoción da fe cristiá, coa bendición de ramos e posta en escena da entrada de Jesús en Xerusalén o domingo 20 seguida da procesión desde o Campo de Outeiro, ata a igrexa parroquial, acompañada pola banda "Escola Municipal de Meis".
A Semana Santa continúa coa escenificación da noite do Xoves da Última Cea, o lavado de pés, a detención de Jesús e o xuízo fronte a Caifás, que dará comezo ás 8 da tarde.
Na mañá do venres 25 de marzo, os visitantes e veciños poderán asistir ás escenas como o xuízo de Jesús por Poncio Pilatos e Herodes, á flagelación e ao Vía Crucis ata o Monte da Croa, escenario da crucifixión. O venres pola noite terá lugar a representación do desencravo, seguido dunha procesión ata a igrexa parroquial.
Os actos continuarán o sábado coa bendición do lume e da auga, na igrexa parroquial, nunha Misa que simboliza a Resurrección coa posterior repartición da tradicional rosca de Pascua entre os asistentes. A Resurrección repetirase na mañá do domingo 27 na igrexa parroquial, seguida da procesión ata o Campo de Outeiro.
OUTRAS CELEBRACIÓNS
Terminada a época de Semana Santa, comezará a romaría da Virxe das Cabezas, no Mosteiro de Armenteira, cunha ruta que permitirá gozar da comarca do Salnés aos visitantes que escollen esta zona para as súas vacacións. Por último, sen esquecerse dos mozos, na véspera celébrase a XIV edición da festa organizada para este colectivo que contará coa actuación de Eva Iglesias e de novos grupos que se darán a coñecer por primeira vez.
Pechando todas estas celebracións chegará a romaría de San Gregorio do Bolo en Paradela, na que se poderá degustar o "Bolo de Pascua", elaborado con preto de 6.000 ovos. Todos os actos foron presentados polo alcalde de Meis, José Luís Pérez, nunha cerimonia realizada este mércores 16.