Vídeo.- Unha carreira para recoñecer os méritos da enfermería
"Carreira profesional para todo o persoal: fixos, eventuais e interinos", "entre todos imos conseguir" ou "Sergas escoita, ou Satse está en loita", foron algúns dos lemas manifestados polos membros do Sindicato de Enfermería (SATSE) de Galicia este xoves 17, ante as portas do Hospital Provincial de Pontevedra.
A través dunha carreira de obstáculos, escenificaron a súa loita por conseguir novamente unha formación profesional para os enfermeiros e enfermeiras de Pontevedra. Despois de anunciar a saída, os participantes abalanzáronse cara á meta para poder lograr o recoñecemento merecido.
A gañadora recibiu un pequeno trofeo de man da secretaria xeral de SATSE en Galicia e provincial en Pontevedra, Carmen García. E para celebrar este recoñecemento, os traballadores do sector da sanidade bailaron ao son de Bruno Mars e o seu 'Uptown funk', para sorpresa e asombro de todos os presentes.
Esta formación profesional supón para os enfermeiros un complemento retributivo e un recoñecemento polo traballo realizado; recoñecemento que se traduce como o "valor engadido que achegamos ao sistema ao cabo dos anos" explica García. En total, componse de sete graos nos que se ten en conta tanto a experiencia, como o coñecemento ou a implicación coa comunidade máis aló da súa xornada habitual.
Actualmente, o 40% do persoal pontevedrés non puido acceder ou completar os graos, mentres que outros moitos nin sequera puideron iniciar o primeiro grao, para o que son necesario cinco anos de experiencia. Esta situación, declarou a secretaria, "crea mal ambiente laboral", outra razón que se suma ás protestas do sindicato.