A camelia reivindícase como "flor das Rías Baixas" no Recinto Feiral
Por Diego Espiño
'Os sentidos da camelia'. Así se presenta nesta ocasión o Concurso/Exposición Internacional da Camelia na súa LII edición, inaugurada este sábado no Recinto Feiral de Pontevedra.
Durante toda a fin de semana un total de 54 expositores compiten polas 21 categorías de premios, nunha edición "diferente", segundo se encargou de sinalar na presentación a presidenta provincial, Carmela Silva.
Todo un tributo á "flor das Rías Baixas" nas que gozar cos cinco sentidos: oído, olfacto, tacto, gusto e vista. Todo porque ademais da propia exposición programáronse unha serie de actividades, algunhas dirixidas para nenos e outras para todos os públicos.
Entre elas destaca, no referente ao gusto, unha serie de receitas nas que se usan ingredientes derivados da camelia cedidas por chefs do Grupo Nove, que inclúe cociñeiros con estrelas Michelín como Javier Olleros, Pepe Solla, Pepe Vieira ou Yayo Daporta. Unhas receitas que ademais de expostas son mostradas polo chef Iñaki Bretal, do Eirado da Leña.
O sentido do oído pensouse para o protagonismo do público infantil, cun contacontos a cargo de Polo Correo do Vento.
Ademais da vista co espectacular colorido das diferentes variedades de camelia e composicións elaboradas polos expositores, o tacto e o olfacto contémplanse como experiencias sensoriais grazas a produtos como perfumes ou tés.
Á inauguración do Concurso/Exposición acudiron este sábado, entre outros, a presidenta provincial, Carmela Silva, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a secretaria xeral de Turismo, Nava Castro ou a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, que avogou por abrir camiños para desenvolver as diferentes posibilidades produtivas desta flor "sendo como son as Rías Baixas un dos lugares do mundo onde mellor se produce".
Relacionadas:
-
O cociñeiro Pepe Solla será o pregoeiro das festas de San Xoán en Poio
Por Redacción |
-
Máis de 7.000 persoas pasaron polo Concurso/Exposición da Camelia
Por Redacción |
-
E a Camelia de Ouro é para...
Por Redacción |
-
Camelias para comer, tocar, cheirar, mirar e escoitar
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |