Cal é o atractivo turístico de Pontevedra durante a Semana Santa?
Para estes próximos días, Turismo Rías Baixas espera que a ocupación hosteleira en Pontevedra sexa do 82% . Así, decenas de turistas, nacionais e autonómicos, aterran na cidade do Lérez para vivir experiencias novas. Pero, que buscan os visitantes durante estes días?
A Semana Santa para moitos é sinónimo de vacacións e, nalgúns casos, de viaxes. Estas datas, que polo xeral coinciden coa primavera, supoñen un momento para evadirse da rutina diaria, e mesmo para explorar novos lugares da xeografía española e galega.
Nalgúns lugares de España, como en Sevilla ou Málaga, o fervor relixioso é unha das principais motivacións turísticas destes días. Con todo, os actos e oficios característicos da austera e sobria Semana Santa pontevedresa non supoñen un atractivo, senón un complemento máis para aqueles que se achegan a cidade do Lérez, segundo manifestan técnicas da oficina de turismo da Casa da Luz.
Moitos destes visitantes proceden principalmente doutros puntos de España, como Madrid ou o País Vasco, segundo o informe elaborado cos datos de 2015 na Casa da Luz. Nalgúns casos, chegados os días fortes dos oficios, o Xoves e o Venres Santo, preguntan polas procesións por mera curiosidade para saber como son. No caso daqueles curiosos turistas que se achegan a velas, os datos achegados manifestan que se trata de turistas aloxados na cidade ou nos arredores.
Segundo o informe do ano 2015 de Turismo Rías Baixas, a maioría dos visitantes acoden buscando a natureza (59%) e a cultura (33%). Aínda que, en días previos a estas datas, tamén reciben algunha chamada solicitando información ex profeso por actos e oficios habituais desta celebración solemne (3 de cada 20 chamadas aproximadamente).
Probablemente, a maioría destes turistas opten por perderse polo casco antigo da cidade (considerado o segundo máis importante de Galicia) e, quizais, só quizais, algún dos pasos saia ao encontro dos visitantes.