A reforma do acceso a Marcón desde Pedra do Lagarto comezará de forma "inminente"
Por Redacción
As obras de mellora da estrada a Marcón desde a rúa Camposanto, a antiga Pedra do Lagarto, comezarán de xeito inminente. Así o anuncia a Deputación de Pontevedra, responsable destes traballos.
A reforma consiste na rehabilitación estrutural do firme e foi contratada á empresa Covsa por 137.892,81 euros, case 47.000 euros menos do establecido na licitación inicial.
Segundo indicou o vicepresidente César Mosquera, a actuación comezará en breve e prevese que estea finalizada en poucas semanas.
Esta mellora fora incluída no convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para reparar os danos do temporal do ano 2013 nas zonas do rural pontevedrés e o financiamento correrá na súa totalidade a cargo das arcas provinciais.
A estrada a Marcón dende a rúa Camposanto era unha antiga vía provincial (EP-0003) que foi transferida ao Concello de Pontevedra no ano 2008. Antes do seu traspaso aplicóuselle unha nova capa de rodaxe de poucos centímetros de grosor e que agora presenta moi mal estado debido ás continuas inclemencias meteorolóxicas e o tráfico que soporta.
No acordo entre Concello e Deputación tamén se incluíran as obras de mellora da rúa Ruibal-Salcedo e a renovación da ponte sobre o río Rons na Xunqueira da Gándara, que xa están en tramitación.