Todos desexan ser Kruggy
Os casos de malos tratos animais seguen rexistrándose, por desgraza, con frecuencia. O suceso acontecido, hai escasos días, en Meaño é un bo exemplo. Na localidade do Salnés, un veciño, empuñando unha escopeta, daba morte a dous cans que entraron na súa leira tras atacar as súas galiñas. Con todo, existen tamén historias con final feliz.
É o caso de Kruggy, este can protagonizou unha noticia que impactaba pola crueldade das imaxes nas que os donos da mascota lanzábana por encima do valo da protectora de animais de Pontevedra. A escena tivo repercusión en todos os medios de comunicación e ata o programa El Hormiguero recollíao nunha sección co actor e humorista Dani Rovira.
O can foi adoptado ao pouco tempo de aparecer no programa de Antena 3 por unha familia que realmente o coida como se merece.
Kruggy non é o único exemplo de lanzamento de mascotas por encima dos valos do centro, senón que son numerosos os cans arroxados desde o exterior da asociación.
Outros compañeiros caninos como Tani esgotaron a súa sorte sen obter repercusión mediática. Tani era "unha cadela que tiña dono pero que a estaba deixando morrer de fame nunha leira". Cando a atoparon, os veterinarios loitaron por mantela con vida. Con todo, non logrou superar a difícil situación na que se atopaba, falecendo aos 11 días da súa chegada á protectora, sendo o caso que máis marcou á presidenta da asociación Os Palleiros que xestiona o recinto, Gloria Cubas.
Zoe, Bimba, Kinza, Pacheco, Marga, Beira, Timi ou Klay son algúns dos cans que atoparon unha segunda oportunidade nos Palleiros, o colectivo que se converteu en "anxos dos animais" pontevedreses. Gloria Cubas insiste na constancia e no traballo incansable que realiza todo o equipo, abordando temas relacionados con diversos aspectos do centro.
Gloria, directiva desde hai 4 anos, admite seguir "coa mesma dinámica" dos primeiros xestores no ano 2006. A avaliación durante todos este tempo é "bastante positiva", malia que engade que aínda queda moito por facer, queda moito traballo de concienciación, de que a xente se conciencie de que os animais non son zapatillas de usar e tirar; que son seres vivos.
O recinto municipal onde traballa a asociación pontevedresa conta cunha capacidade para 150 cans. Nestes momentos acolle 145. Contan coa axuda de "casas de acollida temporais" co obxectivo de non saturar as instalacións.
Os cachorros son os máis adoptados mentres que "os adultos van quedando atrás"
A protectora faise cargo de xestionar todos os gastos, tanto veterinarios como alimenticios. "Entran máis que saen" recoñece Gloria, en relación á demanda de adopcións por parte das familias de Pontevedra. Os cachorros son os máis adoptados mentres que "os adultos van quedando atrás". E é que no último período de 2015, de setembro a decembro, rexistrábanse 82 adopcións, mentres que desde xaneiro de 2016 ata a data conseguíronse 50.
INSTALACIÓNS DA PROTECTORA
En canto ás instalacións, situadas en Campañó, a responsable destaca a continua mellora delas en boa parte grazas á achega do Concello. O novo espazo inaugurado en 2015 permite unha mellor calidade de vida dos traballadores e dos animais ao substituír o chan de terra por unha base de cemento que evita o contaxio de enfermidades entre os cans, "quedando un patio pendente que o concello nos ten aprobado" para executar no verán de este mesmo ano.
Destaca Gloria as axudas do goberno pontevedrés actual, do que perciben 27.000 euros anuais cun pago trimestral que lles permite "non andar tan afogados para pagar o penso, os empregados e demais", facendo fronte aos 70.000 euros que a protectora conta en gastos cada ano. Ademais, para asumir todos os custos, organizan diversas iniciativas como galas benéficas, festivais, mercadillos, recollidas de alimentos e de tapóns ou doazóns da xente, por exemplo a "Cea Palleira" prevista para o 22 de xullo.
As diferentes experiencias vividas polos 40 voluntarios, 4 traballadores e a veterinaria Ana Cadavid, que conforman o equipo do centro, fan que o proceso de adopción se realice con total rigorosidade. Cadavid admite que a maioría de problemas cos que entran os cans son dermatolóxicos aínda que tamén destaca a falta de nutrición de moitas das mascotas abandonadas, que mostran unha delgadez extrema. En canto a cuestións psicolóxicas, o medo recóllese en moitos dos animais e o seu proceso de curación é longo e complexo.
ADOPCIÓNS
Por este motivo, as adopcións por parte das familias realízanse en varias fases. Primeiro é necesario pasar unha entrevista que ten como requisitos "aceptar todas as nosas condicións, que son que o can o levas esterilizado tanto macho como femia, vacinado, chipeado e desparasitado, externa e internamente". Os Palleiros cobre parte deses gastos con 50 euros como fórmula para favorecer a adopción. No caso dos cachorros extrémase o control e se se incumpren as condicións, a asociación pode chegar a denunciar o caso poñéndoo en mans da xustiza.
A esterilización é un punto crave do proceso, porque nos machos "evita pelexas" e na femia serve "para evitar tumores" e tamén "para que non se estean reproducindo" polo que "se non o queren esterilizado, non llo levan", afirmou a presidenta de Os Palleiros.
Estes requisitos son indispensables para evitar que aumente o número de abandonos. Durante o primeiro trimestre de 2016 rexistrouse un aumento do número de casos de abandono de cans de caza ao remate da tempada de xaneiro.
Ante este panorama, Gloria Cubas afirma que Os Palleiros seguirá a traballar na axuda animal, cun labor de perseveranza na loita por outorgar aos animais os dereitos fundamentais para poder vivir unha vida digna, como a que un día acadou Kruggy.
Relacionadas:
-
Do rescate ao coidado e a adopción: así es o labor solidario dos Palleiros
Por Redacción |
-
Os Palleiros quere que o home condenado por maltratar un can en Salcedo entre en prisión
Por Anxo Lourido |
-
Estudantes de Xornalismo colaboran na recollida de doazóns para os cans de Os Palleiros
Por Redacción |
-
Os 'avós' da protectora buscan fogar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Garda Civil investiga un veciño de Meaño por matar dous cans que entraran no seu galiñeiro
Por Redacción |
-
Os Palleiros ilustra o seu calendario 2016 con selfies de familias e cans adoptados
Por Redacción |
-
Entregan 150 quilos de tapóns de plástico a Os Palleiros para as súas campañas solidarias
Por Redacción |
-
Kruggy atopa un novo fogar tras ser 'apadriñado' por Dani Rovira
Por Redacción |
-
Brutal lanzamento dun can sobre o valado da Protectora de Animais
Por Oskar Viéitez |