Marín recupera a electricidade despois de 10 horas sen luz por unha dobre avaría eléctrica
Por José Alberto Graña Pérez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Marín pasou 10 horas sen luz, desde as 2:54 da madrugada ata as 13:00 horas deste luns 28, momento en que se reparou o servizo. A culpa desta situación derívase dunha dobre avaría eléctrica que, segundo a empresa subministradora, Gas Fenosa, rexistrouse nas rúas Recamán e no porto de Marín. Os danos afectaron a máis de 3.960 clientes, segundo datos da propia empresa.
Os afectados durante primeiras horas da mañá manifestaban o seu malestar a través das redes sociais indicando como lles afectaba o corte da subministración nos seus establecementos comerciais ou na súa vida habitual.
Doutra banda, Fenosa ofrece outra versión, desde a empresa eléctrica afirman que a incidencia se rexistraba unha hora máis tarde, ao redor das 04:00 horas. Alegan que a causa desta situación atópase nunha avaría nun cable soterrado.
As rúas Ezequiel Masoni, avenida de Ourense, Jaime Janer ou Verxel e a unha importante parte do Porto marinense son algunhas das moitas zonas afectadas por esta incidencia eléctrica. Segundo responsables de Fenosa, buscouse unha solución temporal, durante o corte, para os edificios do Concello e do Centro da Terceira Idade coa implantación de grupos electróxenos.
Fontes da Policía Local de Marín mostraban o seu malestar asegurando que se se trata dunha situación "tercermundista" ao verse afectados por esta incidencia, do mesmo xeito que a Policía Nacional.
Tamén algúns pacientes do Centro de Saúde en Marín tiveron que ser trasladados aos hospitais de Pontevedra. Veciños de Estribela, pertencente ao Concello de Pontevedra, e de Seixo tamén manifestaban verse afectados por esta avaría, que afectou o servizo de atención telefónica do Concello, que se comunicaba cos veciños a través da súa páxina en Facebook.
Segundo Gas Fenosa, a causa do problema está aínda por determinar pero, en principio, ao tratarse dunha liña subterránea descartan que fose provocado polo temporal nocturno e tampouco consideran que sexa consecuencia dalgunha acción de sabotaxe.
Relacionadas:
-
Chegan as primeiras reclamacións dos marinenses afectados polo apagón
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada