As dúas oficinas de emprego múdanse de Eduardo Pondal a Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
As dúas oficinas do Servizo Público de Emprego -antigo INEM- da Xunta de Galicia, situadas actualmente na rúa Eduardo Pondal, trasladaranse ao edificio administrativo de Benito Corbal unha vez que se leven a cabo as obras de rehabilitación que licitará nuns meses o goberno galego. Así o avanzou Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior á celebración do Consello de Xunta.
A proposta da Xunta é situar nas primeiras plantas deste edificio as dúas oficinas de emprego, unificando a atención ao cidadán nun único espazo e aforrando os 150.000 euros ao ano que custaba o aluguer das instalacións.
As dúas plantas seguintes poñeranse a disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario para que poidan situar alí as súas oficinas e locais; mentres que as superiores serán cedidas á Universidade de Vigo, que situará nelas o viveiro de empresas vinculado ao Campus Crea ou algún outro proxecto que decida posteriormente.
Segundo Núñez Feijóo, con esta actuación "non só se facilita ao servizo de emprego, ás asociacións e á Universidade un lugar idóneo para desenvolver a súa actividade, senón que tamén se rehabilita e recupera para a cidade de Pontevedra un edificio agora en desuso".
O presidente da Xunta lembrou que está prevista unha remodelación integral do edificio, que conta con case 6.000 metros cadrados, e que está en desuso desde que a administración autonómica centralizou os seus servizos no seu novo edificio de Campolongo.
A última reforma do inmoble de Benito Corbal remóntase a hai trinta anos.
De forma "inmediata", destacou o dirixente autonómico, a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Facenda presentarán esta actuación na cidade de Pontevedra e, posteriormente licitarase o proxecto construtivo, tendo en conta que a administración autonómica xa conta cun proxecto básico.
Relacionadas:
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal abre as súas portas para un 'recoñecemento'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha pel de aluminio e un corazón social para o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Campus Crea e o edificio da Xunta de Benito Corbal, novo "campo de batalla" municipal
Por Redacción |
-
Unha delegación da CRTVG en Benito Corbal?
Por Alejandro Espiño |
-
A antiga sede da Xunta en Benito Corbal conta ao fin cun proxecto para a súa rehabilitación
Por Diego Espiño |