Pasado e presente, unidos na creación de Memoria en Rede
Actualmente, ninguén se imaxina unha vida sen o seu computador ou sen poder estar conectado permanentemente ao móbil. Isto é a consecuencia do continuo avance tecnolóxico da sociedade, pero non sempre foi así.
Deste xeito, xorde Memoria en Rede, unha iniciativa impulsada polo Concello e presentada este venres 1 de abril polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. A idea consiste en conectar os avances tecnolóxicos do presente coa memoria do pasado. En principio pode parecer que "non teñen nada que ver" pero o obxectivo é facer partícipes ás persoas non nadas na era dixital, dun mundo onde predomina a tecnoloxía. Búscase desta maneira dar valor a historias da vida.
O proxecto comeza en Mourente o vindeiro martes 12 de abril no Local Social de Cons, aínda que Oubiña admite que é "perfectamente exportable e extensible ao resto de parroquias". Este plan estenderase durante 10 semanas, desde as 16:30 horas ata as 19:00 horas, todos os martes e xoves. Serán ao redor de 20 as prazas dispoñibles para esta idea totalmente gratuíta.
As persoas que desexen participar, poderán contar as súas historias sobre o pasado, subir fotografías antigas ou falar sobre lendas, a cambio da publicación destas nun blogue que levará como nome memoriaenrede.pontevedra.gal. Doutra banda, por medio de cursos ensinaráselles a "empregar un computador, un escáner, esencialmente internet, correo electrónico, gravación de sons, etc" comentou o concelleiro.
En horario de mañá, a través do teléfono 986.804.300 e seguido da extensión 7111, os participantes poderán inscribirse nesta actividade que busca un feedback entre todas as partes.