Unha pel de aluminio e un corazón social para o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A remodelación da antiga sede da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal, incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Nas tres primeiras plantas do edificio concentraranse os servizos públicos de emprego, entidades e asociacións poderán utilizar as plantas cuarta e quinta, finalmente, as catro plantas máis elevadas estarán a disposición da Universidade de Vigo.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, participaron este luns en Pontevedra na presentación do anteproxecto de remodelación do inmoble de Benito Corbal.
Outra das grandes novidades da reforma ten que ver coa accesibilidade. O inmoble manterá os tres accesos dende a rúa, que agora pasarán a ser totalmente accesibles. Ademais, cambiaranse os catro ascensores de catro prazas –ningún deles accesible- por dous ascensores de oito prazas, facilitando o seu uso a persoas con mobilidade reducida, unha vantaxe máis deste cambio é que se gañará espazo útil.
O edificio contará cun núcleo central de comunicacións, o que permitirá utilizar o inmoble a calquera hora, incluso nas plantas altas do edificio. Con esta distribución bastará con pechar as portas necesarias para facilitar o acceso exclusivamente a aquelas zonas que, por exemplo, funcionen en horario de tarde ou na fin de semana.
DISTINTOS USOS
- Nas tres primeiras plantas –o semisoto e o primeiro e segundo andar de 1.544 metros cadrados de superficie- ubicaranse as oficinas de emprego da Xunta, que na actualidade están en dous locais alugados na cidade.
- Nas plantas terceira e cuarta (de 1.156 metros cadrados en total), a Xunta poñerá a disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario un espazo para ubicar as súas oficinas e locais.
- Finalmente, as catro plantas restantes –da quinta á oitava, de 1.740 metros cadrados- estarán a disposición da Universidade de Vigo para que instale alí os servizos e proxectos que decida a institución académica.
INVESTIMENTO DE 3,7 MILLÓNS
O investimento previsto na obra de remodelación do inmoble é de 3,7 millóns de euros, que se amortizarán cos aforros dos locais alugados nos que están instaladas as oficinas de emprego -150.000 euros ao ano- ademais doutros aforros en materia enerxética.
O prazo de execución é duns 14 meses, e o edificio estará plenamente operativo no primeiro trimestre de 2018.
SATISFACCIÓN
"Alégrome profundamente", dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que quixo engadir que "gustaríame que ao edificio tamén fora a Televisión de Galicia", en referencia a delegación da canle autonómica que pechou en 2010 na cidade.
O reitor, Salustiano Mato, trasladou a súa satisfacción e dixo que "esta oportunidad permitenos xa crear a sede corporativa do Campus Crea", xunto con todas as iniciativas relacionadas co emprendemento, ademáis de "os productos académicos que estamos xerando nas facultades", como los programas de doctorado. O reitor comprometeuse a presentar á Xunta, un programa de actividades para que se teñan en conta no deseño constructivo.
Pola súa banda o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que tamén vive en Pontevedra, destacou que a actuación prevista no inmoble de Benito Corbal enmárcase no Plan Patrimonial da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo poñer en valor e optimizar todos os inmobles da Administración autonómica, incluídos aqueles que quedan en desuso. Este plan permitirá acadar un aforro anual de 5,7 millóns de euros, "que se utilizarán na mellora dos espazos xa existentes", sinalou.
Relacionadas:
-
Primeiros pasos nos despachos para a rehabilitación do edificio administrativo da rúa Benito Corbal
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal abre as súas portas para un 'recoñecemento'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Campus Crea e o edificio da Xunta de Benito Corbal, novo "campo de batalla" municipal
Por Redacción |
-
As dúas oficinas de emprego múdanse de Eduardo Pondal a Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Unha delegación da CRTVG en Benito Corbal?
Por Alejandro Espiño |
-
A antiga sede da Xunta en Benito Corbal conta ao fin cun proxecto para a súa rehabilitación
Por Diego Espiño |