Inmersión a bordo dun submarino
Facía máis de 10 anos que un submarino non se aproximaba á Escola Naval Militar de Marín. Despois dunha intensa xornada de portas abertas o domingo 3, varios alumnos de primeiro efectuaron a súa primeira inmersión.
Construído en 1983 e entregado á Armada Española en 1985, o Mistral leva xa 30 anos en servizo. Nesta ocasión, 20 alumnos acompañados de 50 oficiais tiveron a oportunidade de realizar prácticas no interior do mesmo.
"É unha boa forma de que vexan unha das opcións que lles esperan ao saír da academia", sinalaba o capitán Ricardo Poblaciones. As outras dúas opcións das que dispoñen son barcos de navegación ou disciplina aérea.
A capacidade máxima deste submarino é de, aproximadamente, 70 persoas, e pode estar ata 21 días debaixo da auga. "Todo depende da cantidade de víveres dos que dispoñamos, son 70 persoas almorzando, comendo e ceando todos os días", lembraba o capitán, que engadía que "adoitamos estar dúas ou tres semanas navegando, logo subimos a por víveres e auga e volvemos ao mar". O combustible que consome é moi pouco xa que funciona con baterías, por tanto o que determina os días de inmersión son os alimentos.
Se algún dos alumnos quixese especializarse en submarinismo tería que desprazarse e facer un curso en Cartaxena, lugar onde se sitúan todos os submarinos o resto do ano. "En quinto ano todos pasan por esta experiencia, levámolos a Cartaxena e poden ver como funciona", relataba Poblaciones.
Como vos imaxinades a vida nun submarino? "Consiste en estar 8 ou 9 horas de garda e o resto descansando", explicaba o capitán. O sistema de garda e soño chámase "cama quente" e segundo relataban na escola, consiste nun compartimento de tres camas onde o que está de garda retírase a descansar e déitase na cama do que acaba de levantarse, de aí o nome.
Os alumnos estaban encantados de realizar a súa primeira inmersión e ter a oportunidade de facelo no primeiro ano. "É algo que non teñen a ocasión de ver todos os días", contaba Poblaciones. Ademais, conta cun sistema de exclusas tanto en popa como proa en caso de emerxencia e evacuación do submarino. Cada persoa conta co seu propio traxe, colócallo e sae por unha das excluídas.
"Contan cunha válvula que se enche e podes respirar un par de veces, aínda que tes que soltar aire e non collelo nestes casos para que os pulmóns non exploten", narraba Ricardo.
Ao finalizar a xornada de visitas do domingo 3 e a inmersión do luns 4 o Mistral proseguirá o seu percorrido cara a Ferrol o martes 5, onde varios alumnos poderán realizar a mesma práctica.