O TSXG autoriza a manifestación de CCOO e UGT en Pontevedra
Por Redacción
Os sindicatos CC.OO. e UGT xa anunciaran este mediodía que ían manter a convocatoria da manifestación para esta tarde. Pero agora xa contan coa autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sección primeira da sala do contencioso-administrativo dictou que a pesar de que as manifestacións de Pontevedra e Ourense coinciden co periodo electoral, "non teñen por obxecto a captación de sufraxios por parte dos convocantes polo que, en principio, son por completo alleas á campaña electoral, o que determina a falta de competencia da Xunta Electoral".
Os secretarios comarcais de CC.OO. e UGT, José Luis García Pedrosa e Ramón Vidal, manteñen que esta actuación por parte da Xunta Electoral tentando evitar a manifestación responde a intereses políticos coa intención de restar asistencia á convocatoria.
Segundo afirma Ramón Vidal, durante as últimas horas están a recibir chamadas de numerosas persoas preguntando sobre a celebración da manifestación e, malia que os dous sindicatos sempre mantiveron a convocatoria, consideran que esta situación vai suporlles unha perda de máis dun vinte por cento da asistencia que tiñan previsto para esta marcha. A manifestación convocada en defensa da industria, do emprego e do estado do benestar comezará na Praza da Ferrería de Pontevedra ás oito da tarde.
Os representantes sindicais estudan denunciar á Xunta electoral ante os tribunais de xustiza polos prexuízos que lles pode ocasionar "esta postura restrictiva"