Novos espazos públicos en Mollabao e O Burgo, primeiros pasos
Por Redacción
O Concello dá os primeiros pasos cara a facer realidade dous proxectos que ten en carteira e que están destinados a gañar novos espazos de uso público na cidade. Reservou unha partida de 213.327,07 euros para a adquisición de dúas parcelas: a da desaparecida construtora Malvar de Mollabao e outra no Burgo, fronte a gasolineira.
Coa adquisición da parcela de Mollabao, o Concello pretende crear un gran espazo de lecer cidadá con zonas verdes, equipamentos deportivos e xogos. Para elo confía en chegar a un acordo con Costas para incorporar a parcela que está diante ao proxecto.
En total, trátase dun espazo duns 14.000 metros cadrados.
O proxecto foi presentado hai un ano por César Mosquera, que avanzou que ademais dun "gran parque" poderían acoller tamén instalacións deportivas "lixeiras" ou unha área de aparcadoiro. Pero as súas previsións para a estrea deste parque truncáronse na engrenaxe burocrática do Catastro e de Costas do Estado.
Agora parece que, por fin, Costas está en disposición de asinar un acordo coa inmobiliaria Altamira Asset Management do Banco Santander, titular destes terreos, para así poder pactar o deslinde definitivo desta concesión de dominio público marítimo-terrestre outorgada en setembro de 1942 a José Malvar Corbal.
De cara ao futuro, o goberno municipal estudará a posibilidade de ampliar esta zona pública con terreos situados nas súas inmediacións, onde hai moitas "naves abandonadas" ou pequenas parcelas que son de Costas.
O BURGO
No caso do Burgo a compra da parcela, na que durante anos houbo un almacén de construción, permitiría por unha banda permeabilizar a vía interior cara a Xunqueira e acondicionar un espazo público para á veciñanza.