O primeiro xuízo penal contra Charo Lorenzo como secretaria da Cámara de Comercio, o 13 de xuño
Por Natalia Puga
A secretaria da Cámara de Comercio de Pontevedra, Rosario Lorenzo, coñecida por todos como 'Charo', xa ten data para a súa primeira cita coa Xustiza no marco das tres causas abertas na actualidade polas súas actuacións dentro da entidade cameral. O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra fixou para o 13 de xuño o xuízo no que sentará no banco xunto ao empresario Juan José María Lago, representante da Cámara en Brasil, polos presuntos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno.
Polo delito de suborno, ambos os acusados enfróntanse a unha pena de tres anos de cárcere e unha multa de 18 meses cunha cota diaria de 30 euros mentres que, no caso de Charo Lorenzo, a petición de pena formulada polo fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, tamén inclúe cinco anos de inhabilitación especial para o desempeño de cargo público e, no caso de Lago, tres anos e outros cinco de prohibición para obter subvencións ou incentivos fiscais e da seguridade social e asinar contratos con organismos públicos.
Polo delito de negociacións prohibidas a funcionarios, Charo Lorenzo enfróntase a dous anos de suspensión de emprego ou cargo público e 10 meses multa cunha cota diaria de 30 euros. Ademais, a acusada deberá pagar, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, 16.200 euros polo suborno e 9.000 polas negociacións prohibidas a funcionarios.
Os delitos cometéronos presuntamente no marco da actividade da oficina de representación da Cámara de Comercio en Brasil, da que era responsable Juan José María Lago, e coa que entre 2002 e 2012, a sede pontevedresa asinou contratos anuais para que realziase servizos de asesoramento, apoio e asistencia ás actividades de exportación e internacionalización. Por esta actividade, pagábanlle 3.800 dólares ao mes con fondos públicos procedentes dun programa de internacionalización subvencionado pola Xunta de Galicia.
Para cobrar esa cantidade da Cámara de Comercio, o empresario tiña unha conta bancaria domiciliada en Pontevedra da que Charo Lorenzo, segundo a querela presentada polo fiscal en 2012, era apoderada e mesmo hai constancia de que retirou periodicamente distintas cantidades, ata roldar os 16.000 euros en tres anos. Á vista deses movementos bancarios, o fiscal expón que se dan irregularidades e que se pode tratar dunha contraprestación que pagaba Lago á secretaria cameral a cambio de resultar adxudicatario dos contratos de asesoramento da entidade en Brasil. Acúsana por suborno porque non explicou o destino das cantidades que retirou.
A causa contra Charo Lorenzo é o resultado dunha investigación aberta pola Fiscalía tras recibir unha denuncia de varios empregados da Cámara de Comercio de Pontevedra no ano 2011 denunciando cobros indebidos.
DESPEDIMENTO PROCEDENTE DO EX VICESECRETARIO
O periplo xudicial da Cámara de Pontevedra tivo nos últimos días outras novidades. A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou procedente o despedimento do ex vicesecretario da entidade, Augusto Aláez, previamente declarado nulo polo Xulgado do Social de Pontevedra. Trátase do segundo despedimento do traballador, avogado de profesión, que en setembro de 2015 foi despedido por terceira vez e ten pendente un novo xuízo por ese procedemento que inicialmente estaba fixado para o 1 de xuño, pero que agora quedará aprazado.
A nova sentenza, contra a que Aláez xa anuncia que presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo, anula a anterior e absolve á Cámara de Comercio, que en primeira instancia fora condenada a indemnizar ao traballador con 20.000 euros por presuntamente vulnerar a súa garantía de indemnidade para defender a outro traballador despedido da entidade, nese caso, o representante dos traballadores.
Relacionadas:
-
Charo Lorenzo, de novo no xulgado. Demanda que a Cámara a indemnice por un salario de 7.939 euros ao mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Charo Lorenzo recoñece que cometeu aceptación de suborno como secretaria da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Principio de acordo no xuízo penal da Cámara de Comercio previsto para o luns
Por Redacción |
-
Charo Lorenzo, nomeada responsable da oficina cameral de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta traslada á Fiscalía un informe sobre a Cámara de Comercio para que decida se na súa xestión hai delito
Por Natalia Puga |
-
Piden tres anos de prisión para a secretaria da Cámara por aceptación de suborno
Por Redacción |
-
Desbloquean o proceso xudicial por presuntos cobros irregulares contra a secretaria da Cámara
Por Natalia Puga |
-
O ex vicesecretario da Cámara de Comercio gaña o xuízo polo seu despedimento
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo declarou coma imputada ante a xuíza
Por Oskar Viéitez |
-
A secretaria da Cámara, Charo Lorenzo, declara como imputada ante o xuíz
Por Redacción |