Bueu licita o proxecto de rexeneración do ámbito da igrexa de Ermelo
Por Redacción
O Concello de Bueu abriu o prazo para a presentación de ofertas para a contratación das obras de rexeneración do entorno da igrexa de Ermelo, cuxo prazo é de 26 días naturais a contar desde este venres, cando se publicou o anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
As bases e demais información atópase no perfil do contratante da web municipal e o orzamento estimado é de 115.516 euros, IVE incluído, con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación.
Esta rexeneración enmárcase no proxecto Ermelo: cerne do Morrazo, posto en marcha polo Concello de Bueu para revalorizar este espazo no que conflúen os concellos de Bueu, Cangas e Moaña.
Segundo se especifica no proxecto técnico, esta primeira fase vai consistir na rexeneración do entorno da igrexa, que incluirá a substitución do actual pavimento de asfalto por unha solución mixta entre lastra e lousas de granito, buscando unha alternativa de tratamento deste espazo máis tradicional e co que se revalorizará ese núcleo histórico tradicional do Morrazo.
Neste sentido, os tendidos eléctricos tamén serán soterrados e crearase unha canalización, tamén soterrada, para a recollida de augas pluviais. Seguindo co proxecto, nos límites cos muros tradicionais crearase unha franxa de amortecemento empregando as pedras do antigo empedrado constatado no lugar.
A segunda fase, aínda por licitar, consistirá na rexeneración da zona baixa, o camiño polo que se accede a Fonte, e a parte alta que comprende o resto do tramo do camiño que vai dende a entrada que dá acceso ao recinto da igrexa ata o cruce co camiño polo que se accede á Cruz da Esculca.