Malestar nos comuneiros de Salcedo polos estragos nas súas plantacións
Por Alejandro Espiño
A comunidade de montes de Salcedo presentou unha denuncia ante a Policía Nacional polas desfeitas causadas nas súas plantacións de carballos, liquidámbares e arces, situadas nas inmediacións da antiga aldea afgá da Brilat, terreos recuperados recentemente para uso comunal. Os seus representantes calculan que os danos causados a pasada fin de semana superan os 5.000 euros.
Ante estes actos vandálicos, a xunta reitora da comunidade de montes advirte que iniciará todas as accións que estean a súa man para impedir que estes "terroristas", mediante este tipo de actos, "consigan deter a recuperación dos nosos montes".
E é que, a pesar de que os danos parecen ser causados por cabalos soltos no monte, os comuneiros de Salcedo ven a obra do home nestas desfeitas, xa que as árbores danadas estaban protexidas por un aramado.
"Que saiban estes vándalos, donos de cabalos libres e alleos a Salcedo, que os animais que din ser da súa propiedade non poden esnaquizar as plantacións de frondosas e coníferas que con tanto esforzo económico e de traballo está a realizar esta comunidade", sinalan os comuneiros nun comunicado.
A comunidade de montes asegura que "non imos parar" ata que os verdadeiros responsables destes actos "sexan desenmascarados" e paguen polos danos causados.
Ademais da denuncia, os comuneiros de Salcedo convocaron unha asemblea para este xoves 21 de abril na que pretenden buscar solucións ao problema do gando solto nos montes, un proceso no que queren implicar á Mancomunidade de Montes de Pontevedra.
Neste sentido, consideran de entrada que a administración debería esixir aos donos destes cabalos que adopten unha serie de medidas de control como a implantación dun chip identificativo ou a anotación de zonas dedicadas unicamente ao pastoreo.