Exposición exclusiva de encaixes no Encontro de Palilleiras deste domingo no Pazo
Por Redacción
Xa se converteu nunha cita clásica. Este domingo 24, as palilleiras volven mostrar as súas habilidades no Recinto Feiral do Pazo da Cultura. Máis de 1.200 apuntáronse a esta undécima edición que se desenvolverá desde as 10.00 horas ata as 20.00 horas, organizado pola asociación A Fieitiña.
Este martes 19, a tesoureira e a secretaria da asociación A Fieitiña, Esperanza Marín e Tere Pérez, reuníronse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Previo ao encontro desenvolverase un curso de encaixe ruso, que impartirá unha profesora británica.
Esperanza Marín apuntou que conxuntamente se organiza unha exposición exclusiva para este evento para a que se realizaron "palillóns" únicos que mostrarán ao encaixe típico galego e tamén se poderán ver pleitas, puntillas que se realizaban en 1800. Esta mostra poderase ver ao longo de todo o Pazo da Cultura con "sorpresas", segundo explicaron desde a organización.
Os participantes nesta edición proceden de diferentes puntos de España. Esperanza Marín sinalou que desde Zamora virá un autobús con 55 persoas que intervirán no encontro.
Segundo as integrantes da Fieitiña, os primeiros encaixes de Pontevedra proceden de Vilanova de Arousa no século XVII e que se vendían nos mercados que se realizaban na Ferrería.