Unha sentenza conclúe que os terreos do Hospital Montecelo pertencen aos comuneiros de Mourente
Por Redacción
O xulgado de primeira instancia número 4 de Pontevedra comunicou ás partes a sentenza da causa civil promovida pola comunidade de montes de Mourente contra a Tesourería Xeral da Seguridade Social e o Concello de Pontevedra para reclamar a titularidade dos terreos nos que está instalado o Hospital Montecelo.
O xulgado declara que a titularidade de Montecelo pertence á comunidade de montes condenando á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cancelar no Rexistro da Propiedade a inscrición de terreos ao seu nome.
A demanda civil foi promovida pola comunidade de montes de Mourente ante a posibilidade de que estes terreos se privaticen e despois de que fracasasen os intentos de asinar un acordo coa administración sanitaria para garantir o funcionamento do Hospital Montecelo.
A sentenza condena ás administracións públicas, segundo indica a comunidade de montes de Mourente, a abonar as costas das dilixencias xudiciais. Desde esta comunidade indíican que tiveron que gastar miles de euros en preparar e presentar a demanda civil, sen poder investir ese diñeiro no monte, do mesmo xeito que as administracións investiron fondos públicos que deberían ser destinados a outros fins máis produtivos.
A comunidade de montes de Mourente descoñece se as administracións van recorrer a sentenza e se continuarán "dilapidando diñeiro público". Para os comuneiros esta recuperación da titularidade púidose resolver sen acudir aos tribunais e culpa á "miopía dalgúns políticos, ás torpes inercias dalgúns funcionarios ou intereses ocultos de diverso tipo poder explicar que houbera preito xudicial onde había posibilidade clara de acordo".
En todo caso, este colectivo reafirma a súa disposición para tratar o funcionamento futuro do Hospital Montecelo como centro sanitario público e reclaman á Consellería de Sanidade e ao Sergas que abandonen a súa pasividade actual e que expresen publicamente se teñen interese en que o Hospital Montecelo continúe con actividade no futuro.
Relacionadas:
-
A Audiencia ratifica que os terreos de Montecelo son da comunidade de montes
Por Alejandro Espiño |
-
A Seguridade Social recorre a sentenza que recoñece a titularidade de Montecelo aos comuneiros de Mourente
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros confirman ao conselleiro de Sanidade que aceptan a ampliación dun Montecelo "público"
Por Redacción |
-
Adeus ao hospital de Monte Carrasco: a Xunta retoma a ampliación de Montecelo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Na véspera da reunión entre o alcalde e o conselleiro de Sanidade, os socialistas mostran as súas esixencias
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Mourente agardan que a vista xudicial para recuperar Montecelo se celebre antes do verán
Por Redacción |