Os sindicatos estiman unha folga "masiva" e NovaGalicia a rebaixa a menos da metade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os sindicatos situaron no 90% o seguemento da folga deste mércores en Novagalicia Banco na área de Galicia, Asturias e León e destacaron a participación "masiva" dos traballadores na protesta.
Pola súa banda NCG Banco informa que o seguemento "ata as 12 horas", limitouse ao 43,51% do persoal. "O banco puido atender nun 70% a súa actividade normal, sen incidencias polo soporte das canles e servizos centrais", sinalan nun comunicado.
En Pontevedra preto de medio milleiro de traballadores participaron na manifestación que percorreu as rúas da cidade, simultáneamente ás outras protestas convocadas en seis cidades galegas.
Na cidade do Lérez os traballadores pediron a dimisión do presidente executivo, José María Castellano, e a intervención da Xunta no proceso.
O expediente de regulación de emprego (ERE) presentado afecta, segundo as cifras iniciais, a 2.250 persoas, ás que se sumarán as da rede no exterior e na corporación industrial, ata chegar ás 2.508.
"O ERE de NCG non é un ERE normal", comentou pola súa banda Carlos Peso, do sindicato CSICA, quen recordou que é "o cuarto" que atravesa a entidade nos últimos anos.
"O alto seguimiento dános moita forza, a empresa ten que pensar que detrás desta pancarta hai moitas familias que viven un momento moi difícil e ás que ninguén lles di nada", engadiu Pedro orla, da CIG
Para Carlos Paz, de UGT "o banco é posible que teña futuro sobre o papel, pero ata agora os plans que nos poñen sobre a mesa non o están demostrando".
Novagalicia e os sindicatos teñen o vindeiro luns unha nova cita para negociar o ERE, cuxo periodo de consultas termina o día 14.
Os portavoces sindicais avanzaron que preparan unha nova convocatoria de folga en toda España para o 14 ó o 15 de febreiro, "é posible que de forma indefinida".