Á procura dos arroaces que viven nas Rías Baixas
Por Redacción
Entre este luns e o mércores día 27 a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) acometerá un proxecto para tratar de contabilizar os arroaces das rías de Vigo e Arousa. Farano a bordo do barco 'Bahía de Nergha', no que traballará un equipo de especialistas experimentados dirixido polo biólogo e presidente da CEMMA, José Antonio M. Cedeira.
Trátase dunha nova campaña marítima dentro do proxecto Monitorización dos arroaces das Rías Baixas. Unha das actividades principais do proxecto trata de realizar mostraxes centradas no estudo do arroaz nas augas das Rías Baixas, en especial do Tursiops truncatus, a especie de cetáceo que vive máis preto das nosas costas.
A campaña empezou coa solta das amarras na madrugada do día 25 na Ría de Vigo e alcanzará a Ría de Arousa o mércores, voltando despois ao punto de orixe, segundo informou CEMMA a través dun comunicado.
O obxectivo é a cuantificación do número de mandas e de exemplares que usan as Rías Baixas na súa vida diaria. As últimas investigacións indican que as rías son utilizadas por mandas de arroaces chamadas "de gardería", xa que son os grupos nos que as femias paren e crían aos seus cachorros ata a adolescencia. Cumpridos os tres anos, os arroaces abandonan as mandas e diríxense a outras áreas da plataforma continental para alimentarse.
Nas labores de investigación recolleranse datos de avistamentos, comportamento e fotografías para cuantificar o número de exemplares e rexistralos individualmente para saber quen compoñen as diferentes mandas. Ademais, realizaranse gravacións acústicas dos sons para estudar o seu comportamento.
Esta investigación pretende delimitar o estado actual dos grupos para tratar de descifrar o proceso de renovación poboacional a partir de que, no mes de xuño, comecen a nacer os cachorros. Segundo os rexistros da coordinadora, anualmente morren entre 25 e 40 arroaces na plataforma continental galega e tratan de averiguar cantos nacen para estudar a taxa de renovación. Ata o de agora, non lles consta que a poboación estea en crecemento.
A CEMMA ten rexistrados exemplares identificados polas aletas dende hai 16 anos e nas súas bases de datos constan máis de 400 cetáceos diferentes.