Aqueles tempos cando os pontevedreses eran refuxiados
Por Oskar Viéitez
Agora que Europa vive unha crise cos refuxiados compre lembrar que en Pontevedra tamén se viviu unha situación similar, non hai moito tempo.
A Deputación de Pontevedra, as Cámaras Municipais de Melgaço e Valença, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e o Instituto de Estudios Miñorans (IEM), poñen en marcha o proxecto "O Miño: Solidariedade sen Fronteiras".
Trátase dun proxecto transnacional dirixido á poboación xuvenil coa finalidade de sensibilizar sobre a memoria histórica facendo fincapé en como milleiros de galegos cruzaron o río fuxindo da guerra, da fame, da miseria e da represión e daqueles que arriscaron as súas vidas para abastecer á provincia de alimentos e medicamentos.
O proxecto tamén vai contribuír á reparación e recuperación da memoria individual e colectiva das persoas represaliadas e refuxiadas da Guerra Civil Española, renderlles unha homenaxe ás vítimas e un recoñecemento ó pobo portugués.
Así, desenvolveranse uns obradoiros didácticos dirixidos ó alumnado de 17 anos de institutos de Pontevedra, Valença e Melgaço, tamén se desenvolverá un certame aberto de investigación, e un foro de debate para a posta en común dos resultados.
Outra das actuacións será unha exposición itinerante dos camiños da solidariedade e un encontro cultural pola memoria e a paz que pretende agradecer a solidariedade e refuxio do pobo portugués coas persoas represaliadas da Guerra Civil Española.