Tachan de "paripé" o expediente de caducidade da concesión de Elnosa que tramita Medio Ambiente

Por Oskar Viéitez
A asociación ecoloxista Salvemos Pontevedra cualificou de "paripé" o anuncio do Ministerio de Medio Ambiente de que está a tramitar "a incoación do expediente de caducidade" da concesión a Electroquímica do Noroeste, S.A. (Elnosa) na ría de Pontevedra "en cumprimento" da sentenza do Supremo que así o ordena.
Despois de que o pasado 7 de abril o Servizo Provincial de Costas puxese este feito en coñecemento deste colectivo ambientalista, Salvemos Pontevedra pediu explicacións sobre "que significa exactamente isto de inicio de trámite de expediente".
Da súa resposta, segundo trasladou Salvemos Pontevedra, resulta "evidente que estamos ante un novo paripé do Goberno en funcións" porque, "non existe titular da concesión" para poñer no seu coñecemento a incoación do expediente, nin para solicitar a prórroga.
Esta asociación sinala que o Grupo CUF., propietario da cloreira de Lourizán, "nin é titular da concesión, nin lle importa o máis mínimo o cumprimento da Lei, nin o drama humano e ambiental que poida existir derivado da actividade irregular e delituosa da planta, estamos ante outra pescadilla que se morde a cola".
Para Salvemos Pontevedra resulta "especialmente grave esta enésima trapacería" do inicio do trámite do expediente, que entenden está "destinada a dar carta de natureza a Elnosa".
E unha vez máis, insisten en que a fábrica de cloro carece de concesión administrativa para actuar nas marismas de Lourizán "cuestión recoñecida pola representación da empresa" e tamén carece de licenza municipal "aínda que custe crelo".
"Pero parece que nada será obstáculo para que se lle outorgue unha prórroga milenaria, ou iso cren", remata o comunicado difundido por Salvemos Pontevedra.
Relacionadas:
-
O comité de empresa de Elnosa pide á Xunta a supramunicipalidade para salvar a factoría
Por Anxo Lourido |
-
Elnosa asegura que a súa "reconversión" é posible e que está facer "esforzos" para quedarse
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de Elnosa temen que a empresa se traslade a Torrelavega
Por Anxo Lourido |
-
A APDR chama a seguir facendo os deberes para eliminar a contaminación da Ría de Pontevedra
Por Redacción |