Aparecen pintadas ameazantes no domicilio familiar do coordinador das brigadas provinciais
Por Redacción
O domicilio familiar do coordinador das brigadas provinciais apareceu este venres cheo de pintadas acusándoo de "chivato", "cacero" e "corudo".
Os autores das pintadas deixáronlle tamén as rodas do coche sen aire e anunciaron nunha parede outra intimidación: "mañana más".
Dende a Deputación de Pontevedra non dubidaron en sinalar aos traballadores do parque de maquinaria como responsables destas accións contra o seu compañeiro.
Se nos últimos as pintadas eran contra o vicepresidente Mosquera, agora o conflito do parque de maquinaria ten consecuencias para o funcionario interino Jose Luis Galiñanes, responsable da coordinación das brigadas que se encargan do mantemento das vías provinciais. Estas brigadas traballaban ata fai pouco de xeito independente ao parque de maquinaria, que unicamente executaba asfaltados e outras actuacións en vías municipais.
A día de hoxe o traballo está organizado para que a maquinaria do parque se ocupe xunto coas brigadas das necesidades das vías provinciais e o funcionario ameazado é o que dirixe as actuacións dos grupos conxuntos de persoal.
Hai que lembrar que a folga e as protestas do plantel do parque de maquinaria xorde pola intención do novo goberno da Deputación de organizar de xeito "eficiente" o traballo e de "equiparar os conceptos retributivos entre os funcionarios de igual categoría, limitando o cobro de dietas e quilometraxe ao que se poida xustificar con documentos".
Os insultos e ameazas persoais contra un compañeiro e o vicepresidente Mosquera supoñen un paso máis alá na radicalización da situación, o que motiva que, como xa anunciou a presidenta, o goberno da Deputación estude a fórmula para iniciar as vías legais que defendan a súa integridade.
Sobre a autoría destas coaccións cabe destacar que o responsable de CC OO, José Ramón Piñeiro, afirmou o xoves que se a relación cos dirixentes do goberno provincial segue nesta liña "vai pasar calquera cousa grave porque non vai ser posible conter aos traballadores”, argumentación que volveu a repetir no día de hoxe.
Relacionadas:
-
Traballadores do Parque de Maquinaria alertan de que as vías provinciais están en mal estado pola "torpeza" da Deputación
Por Natalia Puga |
-
Carmela Silva, disposta a dialogar cos traballadores do parque de maquinaria
Por Oskar Viéitez |
-
Cambian as pitadas por unha repartición de panfletos como xesto de "boa vontade"
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras critica a pintada insultante ao xefe das brigadas e xustifica chamar "mentiroso" a Mosquera
Por Oskar Viéitez |
-
Recollen sinaturas de apoio ao traballador da Deputación ameazado nunhas pintadas
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación estuda accións legais contra Comisións Obreiras polos ataques "fascistas" a Mosquera
Por Oskar Viéitez |
-
Canto cobran os traballadores do Parque de Maquinaria? Coñece aquí os datos, que a Deputación considera "privilexios"
Por Natalia Puga |
-
Ameazan con estender o conflito do parque de maquinaria ao resto da administración provincial
Por Oskar Viéitez |