O Concello non seguirá tramitando a moción socialista para crear as vías sanitarias
Por Alejandro Espiño
Punto e final á tramitación da moción presentada polo PSdeG-PSOE para a creación de tres vías sanitarias na cidade libre de lombos.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, desvelou este luns que a Xunta de Goberno tomou esta decisión, polo que esta iniciativa gardarase no caixón, polo momento, algo que desatou duras críticas desde o grupo socialista.
O Concello esgrime os informes en contra dos técnicos municipais a esta proposta normativa, incluído o do secretario do Pleno, ao supoñer esta modificación un gasto económico ao concello, unha competencia exclusiva do goberno municipal que a oposición "non pode usurpar", indicou o concelleiro do BNG.
Ademais, a Xunta de Goberno expresa a súa "disconformidade" con esta moción, ao entender que a modificación proposta da normativa de circulación "vai en contra das persoas e contra a seguridade viaria" do municipio e que a retirada destes elementos reductores de velocidade supoñería "dilapidar" diñeiro público.
O PSdeG-PSOE terá agora a posibilidade de presentar un recurso contencioso-administrativo no xulgado ou ben presentar unha nova moción ao pleno.
"Que teñan clarísimo que imos presentar unha nova moción", explicou o edil Iván Puentes a PontevedraViva, cumprindo cos requirimentos do secretario do Pleno, pero tamén advertiu que o PSdeG-PSOE "chegaremos ata as últimas consecuencias", legal e xuridicamente, para defender o seu dereito para presentar iniciativas plenarias "e que non se coarte a nosa liberdade".
Pero os socialistas fan tamén unha lectura política desta decisión. Para Iván Puentes, a negativa para tramitar esta moción demostra o "tic ditatorial" do BNG ao pretender "coartar directamente" a posibilidade de que un grupo político poida presentar as súas iniciativas. Esta actitude, sinalou, é propia de gobernos "retrógrados e caciquís".
"É escandaloso", engadiu o concelleiro socialista, que lamentou comprobar que o BNG está nunha "soidade absoluta" e é "incapaz" de chegar a acordos coa oposición.
Relacionadas:
-
Dous novos lombos para Eduardo Pondal e redutores de velocidade para a avenida de Vigo
Por Redacción |
-
Novo intento do PSOE por lograr a creación de vías sanitarias libres de lombos
Por Redacción |
-
Un informe municipal avala ao Concello, segundo Bará, para non retirar os lombos
Por Alejandro Espiño |
-
Bombeiros, Médico Ballina e O Pino, punto de partida das vías sanitarias libres de lombos
Por Alejandro Espiño |