Cambio de sentido en Cobián Roffignac e outra serie de propostas do PP para reordenar o tráfico na cidade
Por Natalia Puga
A "revolución" que propón o grupo de goberno do BNG para a circulación da zona centro da cidade provocou unha contrarrevolución. Neste caso, a proposta do PP, que este luns presentou un novo deseño para o tráfico da zona con medidas renovadoras como o cambio de sentido nas rúas Cobián Roffignac e Pai Amoedo, que serían de entrada á cidade desde a rotonda da avenida de Bos Aires.
O portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, presentou este novo deseño tras manter reunións con veciños e comerciantes da contorna das rúas Castelao, Daniel da Sota e Cruz Gallastegui e comprobar que a súa opinión é "generalizadamente desconforme" coa proposta do BNG, tanto pola medida en si como por facela sen ter en conta a opinión dos veciños.
O cambio en Cobián Roffignac implicará unha reordenación do tráfico no resto de rúas. Así a rúa Rouco será en sentido cara á praza de Barcelos. Nesta praza tamén propón unha contrarrevolución que implicaría que unha rúa sexa de entrada e outra de saída, de modo que se entrará por Rouco e sairase por Pai Feijoo.
Ademais, proponse que haxa un cambio de sentido na circulación pola rúa San Antoniño e descarta algunha das medidas máis polémicas da proposta do BNG, como a creación dunha plataforma única nas rúas Castelao e Cruz Gallastegui. Nesas dúas vías, apostan por manter un carril de circulación en sentido inverso ao actual.
Si coinciden co grupo de goberno na súa medida de recuperar o xiro á esquerda na rúa Peregrina desde Andrés Mellado, cuxa eliminación xerou no seu día numerosas protestas. E tamén coinciden en que hai rúas nas que é positiva a peonalización. Así, apostan por eliminar a circulación de vehículos -excepto servizos e residentes- en Virxe do Camiño e na rúa Lepanto.
Tras comprobar a "falta de coordinación" da proposta nacionalista, este martes levarán á reunión da Comisión de Mobilidade esta iniciativa, acordada cos veciños, e esixirán "planificación e que a planificación se cumpra". Ademais, critican que a proposta nacionalista carece de informes técnicos que as avalen e tampouco se basean nos proxectos que no seu día elaborou a empresa Petra. Tras contratarlle os servizos por 90.000 euros, non tiveron en conta ningunha das tres alternativas que propuxo para o tráfico desta zona.
Relacionadas:
-
Nova imaxe para a rúa Cruz Gallástegui
Por Redacción |
-
Entre San Xoán e San Bieito reformaranse Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota
Por Oskar Viéitez |
-
Novos lombos e redutores de velocidade en catro rúas do centro da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
O PP consultará con veciños e comerciantes os cambios de tráfico no centro
Por Redacción |
-
Revolución na circulación do centro da cidade
Por Alejandro Espiño |