As mareas vivas provocan que un coche quede atrapado no peirao das Corbaceiras
Por Redacción
Unha vez máis, a subida da auga da ría con motivo das mareas vivas provoca danos nun turismo que se atopaba aparcado na zona das Corbaceiras. Ao redor das 19.00 horas deste luns, axentes da Policía Local decatáronse de que a auga da ría alcanzara a un vehículo aparcado na rampla de acceso ao peirao situado nas proximidades do edificio do Gremio de Mareantes.
A presenza dun chanzo evitou que o coche puidese chegar a desprazarse quedando completamente alagando.
Os axentes, unha vez comprobados os datos do vehículo, tentaron poñerse en contacto co propietario do Citroën. Con todo, non lograron localizalo e o servizo do guindastre municipal iniciou o proceso de retirada para evitar que o auto sufrise máis danos debido á filtración de auga salgada.
Non é a primeira vez que sucede unha situación similar nesta mesma contorna onde numerosos turismos aparcan sen ter en conta a subida da marea.