Entregan a Protección Civil traxes especiais para loitar contra os niños de vespa velutina
Por Oskar Viéitez
As agrupacións de Protección Civil do Grove, Marín, Moraña, Ribadumia, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa recibiron traxes específicos para a loita contra a vespa velutina nunha xornada formativa organizada pola Academia Galega de Seguridade Pública.
Ademáis da formación é importante contar con equipamentos axeitados, para que estes grupos de emerxencias poidan ofrecer un servizo óptimo á cidadanía.
Grazas a estes traxes pódese levar a cabo con seguridade a destrución e retirada de niños da velutina nos municipios onde esta especie estea actuando ou se prevea un posible avance.
1.697 NIÑOS RETIRADOS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
A Consellería de Medio Rural retirou ou inactivou o pasado ano máis de 5.600 niños desta especie en 170 concellos de toda Galicia. Na nosa provincia, retiráronse 1.697 niños, aos que habería que sumar os intervidos por outros axentes, como asociacións apícolas, concellos ou parques de bombeiros, co que o número chegaría a preto de 8.000 actuacións en toda Galicia.
Ademais, a Xunta entregou o pasado mes de febreiro 1.200 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos localizados en concellos nos que se detectaron niños desta vespa. E estase a reforzar este reparto ao longo da primavera, período no que as raíñas desta especie saen da época de hibernación.
Cando un cidadán localiza un destes niños ten que chamar ao 012 para alertar da súa presenza, dando a localización máis exacta do mesmo e a súa descrición de cara a que os servizos de emerxencia poidan confirmar se se trata ou non dun niño de esta especie, que son grandes e redondos, están colgados en zonas altas e son de cor amarelo.
As vespas son grandes tamén, con patas amarelas e cabeza e tórax escuro case negro, explicou pola súa banda un dos poñentes da xornada de hoxe, Juan Luis López Seoane, de Tragsatec, quen engadiu que se considera situación de risco cando os niños aparecen en vivendas habitadas, en establecementos singulares como escolas, igrexas ou hospitais, e en lugares de paso de poboación.