Bará, candidato do BNG ao 26-X: "Estes últimos meses o que demostraron é a ausencia de voces que defenderan Galiza en Madrid"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
Ata o próximo día 21 de maio a súa candidatura non será definitiva, pois antes terán que referendala as asembleas de todas as comarcas da provincia, pero Luís Bará é o candidato da Executiva do BNG para liderar a lista da agrupación política nas próximas eleccións xerais do 26 de xuño e nas filas nacionalistas xa todos dano como cabeza de cartel. Como tal compareceu este mércores ante os medios de comunicación, insistindo en que "é unha proposta de candidatura neste momento", pero falando xa de que durante a campaña vai dalo todo para loitar por conseguir un escano no próximo Congreso dos Deputados.
Nas xerais do 20-D o BNG non logrou representación, resultado que Bará asume asegurando que "as eleccións pasadas foron desde logo un revés", pero non se dá por vencido e considera que "hai un espazo político que ten que defender o BNG". Espazo político que, ademais, cre que non ocupou ningunha outra forza política no últimos cinco meses de lexislatura.
"Hai moita xente que nos botou de menos nestes cinco meses de lexislatura fallida no Parlamento español, que se sentiu orfa e que dalgunha maneira botou de menos esa representación que tivo o BNG nas pasadas lexislaturas", indicou. De feito, Bará opta por unha estratexia política de non criticar a outras forzas, pero manifesta que "estes últimos meses o que demostraron é a ausencia de voces que defenderan Galiza en Madrid e polo tanto o BNG ten que posicionarse neste momento como a posibilidade real de que Galiza estea representada".
Esta estratexia política de 'non agresión' a outras forzas demostrouna este mércores na presentación da súa candidatura. A unha pregunta sobre a crise interna en En Marea, respondeu "eu non vou perder o tempo dende logo en preocuparme das liortas e das tensións noutras forzas". A el, segundo indicou, "o que me preocupa é que o BNG estea ilusionado, estea cohesionado, unido e traballe con forza nesta campaña". O obxectivo final é "díficil, pero posible".
Compareceu arroupado por cargos locais e comarcais do partido e escolleu para facelo un lugar que para el está cargado de significado, a estatua a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, intelectual que se converteu nun dos símbolos do nacionalismo en Galicia e que para el "é un exemplo de compromiso, de entrega, de amor a Galiza, de dedicación plena ata unhas consecuencias tamén duras para o". Precisamente, parafraseando a Casteao, pregúntase "quen pode salvar a Galiza? Galiza mesma. Como? Pois cunha forza política nidiamente galega". E, na súa opinión, a única forza política cento por cento galega é o BNG.
No caso de que salga elixido, Bará deixará o seu cargo de concelleiro en Pontevedra. Non o fará por ser incompatible con ser deputado, senón porque, na súa opinión, "estar representando a Galiza en Madrid esixe unha dedicación absoluta, plena", na que lle dedicará o 150% do tempo e as horas. A súa marcha, de todos os xeitos, non cre que afecte á política municipal, pois"temos un grande equipo aquí e está garantido o relevo e o traballo" e garante que todos os proxectos que el ten en marcha "van seguir adiante".
PARA LORES É UN CANDIDATO "EXCELENTE"
Tras coñecerse este nomeamento, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que o seu compañeiro de corporación é un candidato "excelente" para encabezar a candidatura que o BNG presentará ao Congreso dos Deputados por Pontevedra, porque "ten demostrado unha grande capacidade de traballo e de defensa do nacionalismo".
De saír elixido como deputado, Bará abandonaría o goberno municipal de Pontevedra, algo que a Lores non lle preocupa porque "hai equipo" con capacidade e experiencia para "sacar adiante" a cidade.
Relacionadas:
-
Luis Bará, ratificado como candidato do BNG por Pontevedra para as eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Bará afronta as novas eleccións demandando ás outras forzas debates "onde poidamos contrastar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Luis Bará substituirá a Carme Adán como cabeza de lista do BNG en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |