Vilagarcía rexistrou no 2012 o segundo maior incremento porcentual de tráficos nos portos españois
Por Redacción
O Porto de Vilagarcía rexistrou ao peche de 2012 o segundo maior incremento porcentual de tráficos no conxunto das 28 autoridades portuarias que conforman o sistema portuario estatal. O porto arousano terminou o ano cunha suba do 24% nos seus tráficos, cifra só superada por Cartagena, que pechou cun incremento do 33%. O incremento medio nos portos de interese xeral do Estado foi do 4,04%.
A subida na mercancía xeral -a que aporta maior valor engadido- foi do 67%, o que supón o maior incremento porcentual do conxunto dos portos do Estado nesa modalidade. Iso foi debido en gran medida ao tráfico contenerizado, pero tamén a outros produtos englobados neste apartado como o taboleiro, o aluminio ou a pasta de papel; todos eles pecharon o ano superando os seus rexistros de 2011. En canto aos contenedores, movéronse un total de 26.664 TEUS a través da liña regular que a empresa Boluda gestiona desde a terminal de Ferrazo e que cobre a liña Bilbao-Vilagarcía-Lisboa-Canarias.
Nos graneis líquidos o aumento de tráficos no porto de Vilagarcía foi do 2,59%, por encima da media estatal nesta categoría, fixada no 2,01%. Finalmente, no apartado de graneis sólidos tamén se pechou o ano en positivo, cun incremento porcentual do 2,16%.
Como xa se comentou, os bos resultados nas tres categorías (graneis líquidos, graneis sólidos e mercancía xeral) permitiron ao porto de Vilagarcía pechar 2012 superando o millón de toneladas (concretamente, 1.007.447 toneladas) cifra que non se alcanzaba desde o ano 2008.