O 15-M volve á rúa en Pontevedra ao cumprirse o seu quinto aniversario
Por Redacción
O movemento cidadán do 15-M cumpriu este domingo o seu quinto aniversario. E para celebralo o colectivo organizou unha concentración na praza de España, ao carón da estatua dos heroes de Ponte Sampaio, para demostrar que aínda segue a pé de rúa ao calor da convocatoria global da Nuit Debout francesa.
Durante a concentración, leuse o mesmo comunicado que no resto do país.
Nel, o 15-M reitera que nestes momentos "é preciso impulsar un movemento desde a cidadanía que nos permita acabar co roubo dos nosos recursos a través da corrupción, os paraísos fiscais, as empresas pantasma e os privilexios da banca e eliminar a escravización á que se ven sometidos os traballadores que perderon dereitos laborais en favor das elites".
O colectivo insta a loitar contra o capitalismo e os tratados de libre comercio, ao entender que teñen como obxectivo final "consagrar o poder absoluto das grandes empresas transnacionais sobre os dereitos dos cidadáns e a súa protección fronte aos abusos", polo que ven obrigado buscar alternativas a un sistema económico "baseado na especulación, que xerou a corrupción desmedida e unha enorme estafa aos cidadáns en forma de crise e privatizacións".
Os membros do 15-M aseguran aspirar a unha sociedade "na que sexa o pobo quen controle ao goberno para así defender os seus intereses, na que as persoas tomen nas súas mans o presente para construír un futuro de cooperación, igualdade e dignidade, un futuro no que quen solicita refuxio e axuda para fuxir da fame e a guerra o atope ao noso lado".
Este futuro, conclúen, debe dar a todos os cidadáns o dereito a unha vivenda digna, á xustiza, á sanidade e á educación "efectiva e universal". Por iso reiteran que "é a hora de espertar", o momento de que todos os españois "mudemos a indignación en revolta".